Galicia remata o verán máis cálido dende que hai rexistros
Os meteorólogos prevén un outono tamén cálido e seco
Este foi o verán máis cálido dos que vivimos en Galicia dende que hai rexistros históricos, cunha temperatura media de case 20 graos, 2 máis do que sería normal. A máxima acadouse en Ourense o 14 de xullo, cando os termómetros marcaron 44,1 graos.
"Foi un verán extremadamente cálido tanto nas temperaturas máximas coma nas mínimas que foron moi altas ata o punto que foi o verán máis cálido da serie", informa Francisco Infante, delegado de AEMET en Galicia.
Tamén choveu menos do normal, un problema este da seca, que vimos arrastrando dende o mes de febreiro.
"O déficit de precipitación acumulada no ano hidrolóxico en Galicia é do 35 %, é un déficit importante", continúa.
Segundo as previsións, o outono tamén vai ser anómalo en canto a temperaturas e choivas.
"Hai unha maior probabilidade de que a temperatura se atope nos valores por riba dos normais para a época e que as precipitacións estean por debaixo dos normais", fala Francisco Infante, delegado de AEMET en Galicia.
Con que chovera o normal en outono poderiamos aliviar o problema da seca, que só se pode solucionar se chove nos vindeiros meses un 30 % máis do normal.
"Necesitaríase aproximadamente que chovese en promedio para o conxunto de Galicia uns 700 litros por metro cadrado", sentencia.
"Iso é moita choiva", opina un señor.
"É alarmante, a situación é moi alarmante", apunta outro.
"Xa volverá a chover que estamos en terra de choiva".
"Aquí chove moito e agardamos que caia", comenta a xente na rúa.