O ourizo de mar supera os 22 euros/kg no comezo da campaña en Aguiño (Ribeira)
Unha trintena de embarcacións desta confraría comezaron a pesca cun mes de atraso por mor do temporal
TVG
Tras case un mes paralizada polo mal tempo, en Aguiño (Ribeira), arrancou a campaña do ourizo de mar. Unha especie que, durante os últimos anos, se converteu nun dos principais produtos da lonxa local e doutras da contorna.
No primeiro día de campaña, os prezos superaron os 22 euros o quilo.
Ata 31 embarcacións partiron este luns dende o peirao de Aguiño para recoller ourizo nun primeiro día de campaña que se atrasou case un mes respecto á data prevista por mor do temporal.
Cunha capa de néboa sobre o mar e ondas próximas aos 3 metros nas zonas de traballo, os apañadores chegaron á lonxa ao mediodía tras unha xornada complicada.
"Hoxe é moi difícil porque non se vía, as augas moi escuras, moito mal tempo e non vías, entón non sabes como vai empezar a campaña".
"Reiniciamos a campaña hoxe e xa non iremos máis, esta semana entra outra borrasca, a ver que nome lle poñen".
Ante a previsión de que o mal tempo continúe, membros da frota de Aguiño non prevén volver saír ao mar, polo menos ata principios da vindeira semana.
Con todo, na confraría de pescadores agardan que a meteoroloxía vaia a mellor e a tempada siga a liña ascendente do ourizo nos últimos anos.
"Era unha especie que aquí non era dominante. A nós as que nos daban un maior incremento eran o percebe e mais a ameixa e, cando empezou a coller valor, si que foi unha especie que nos axudou moito. Temos un plan conxunto coa Confraría de Ribeira e estabamos por enriba das 100 toneladas por campaña".
Especialmente na comarca da Barbanza, a especie converteuse nunha das variantes estrela durante os últimos anos.
Cada vez mais cobizado, as primeiras estimacions son que a cotización vaia en aumento respecto á última campaña.
"Estivemos mirando outras confrarías, principalmente confrarías do Principado de Asturias, que foron a pé e roldaron os 20 € o quilo. Nós non contamos que nos valla, se cadra, tanto, pero agardamos que estea por enriba dos 15 €, son as expectativas que levamos".
Unha previsión para a campaña que, no seu primeiro día, superaron con creces, pois o quilo de ourizo superou os 22 euros na lonxa de Aguiño.