Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Ourense C. F. perde co Athletic B, rival directo, nos seus minutos favoritos

O Ourense C. F. perde co Athletic B, rival directo, nos seus minutos favoritos

Os de Pablo López estiveron a piques de acadar unha nova remonta, logo de empatar no 86

Un gol de Rego no 91 afástaos a catro puntos da promoción de ascenso

Foto: @Ourense_CF
G24.gal 20/04/2025 14:07

O Ourense C. F. perdeu no Couto un partido clave na loita por entrar nos postos de promoción de ascenso. Caeu por un a dous diante dun Athletic de Bilbao B que o supera na táboa o que, unido ao triunfo do Andorra, deixa os das Burgas de sétimos momentaneamente a 4 puntos dos postos da promoción de ascenso.

Tal e como adoita acontecer nos encontros do Ourense C. F. no Couto, a acción quedou para o treito final, logo dun inicio en que dominou o conxunto galego, pero sen crear ocasións claras de perigo. Un par de roubos na saída do Athletic B foron do máis destacado, xunto a unha falta perigosa que Juanma Bravo estrelou na barreira, para acabar rematando ás mans de Mikel Santos. 

O Athletic non inquietou en exceso a Marqueta pero, á volta do descanso, golpeaba primeiro. Foi nunha segunda acción ao bordo da área, cun espectacular movemento de Ibai Sanz, que entrou pola escuadra do porteiro ourensanista. 0-1 e tocaba buscar unha nova reacción final.

O conxunto galego foise achegando co paso dos minutos e os cambios, e acabou por atopar o premio no seu treito favorito, nos minutos finais. Un envío á área que tocou Di Renzo, e Álex Gil axustaba ao pau para empatar no minuto 86. Quedaba aínda tempo, e o Couto soñaba cunha nova vitoria, pero o filial foi quen levou a vitoria noutra acción illada. Outro rexeitamento ao bordo da área que acabou cun centro, coa boa fortuna para Rego que o control se lle enredou no pé. Marcou por baixo o gol da vitoria vasca. 

Aínda tivo a última o Ourense C. F., pero o remate de Ángel Sánchez sacouno a córner Duñabeitia. 1-2, e o Ourense C. F. perde o paso na carreira pola promoción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade