Badalada copeira do Ourense CF que golea ó Real Oviedo (4-2)
Os ourensáns forzaron a prórroga no último minuto e golearon no tempo extra ao equipo asturiano
Jerín Ramos, Jelbat, Omar e Amin foron os goleadores na festa vivida no campo do Couto
@Ourense_CF
O Ourense CF mantén o seu idilio coa Copa do Rei e clasificouse para a segunda rolda tras derrotar a todo un primeira división como é o Real Oviedo. Os ourensáns forzaron a prórroga sobre a bucina e remataron goleando ó equipo asturiano.
Os de Dani Llácer non comezaron mal o partido pero no primeiro achegamentos do Real Oviedo Hassan forzaría un penalti que transformaría o croata Brekalo. O gol encaixado semellou animar aínda máis os locais que se lanzaron na procura do empate. Este non chegaría ata o inicio da segunda metade, cando tras un erro na saída do ovetense Reina foi aproveitado polo capitán do Ourense CF, Jerín, para bater a Moldovan cun bo disparo desde a frontal da área. Pero o Oviedo golpeou poucos minutos despois cun gol de Luka Ilic tamén desde fóra da área. Restaba media hora na que o equipo local tentou empatar por todos os medios. A ocasión máis clara estivo na cabeza de Kensyl Vázquez pero o remate do haitiano petou na trabe da portería carbayona. E cando xa parecía o partido rematado, Jelbat aproveitou unha falta lateral botada por Nacho Castillo para levar o partido á prórroga. E no tempo extra seguiron empurrando os ourensáns ata que Omar, tras unha boa combinación con Amin, colocaba o 3–2 no marcador. E na segunda metade chegaría a guinda co gol de Amin, convertendo un penalti que forzaba o propio dianteiro. Ata Adrián Guerrero puido redondear á goleada pero errou outro lanzamento de penalti na última xogada do partido.
Ao final xusta vitoria dos das Burgas que se enfrontarán a un equipo de primeira división na seguinte rolda. Agora toca centrarse na final da Copa RFEF que disputarán o día 8 ante o Orihuela e, sobre todo, na liga, onde ocupan o último posto no grupo 1 da Primeira RFEF.