Festival do Ourense CF, que sae do descenso diante do Lugo (4-2)
Os das Burgas foron moi superiores. E puxéronse 4-0 despois da expulsión de Perera (48’)
O pichichi lugués Unzueta meteu dous goles no treito final
Foto: @Ourense_CF
Nun derbi galego de urxencias para os dous contendentes, o Ourense CF deu un golpe na mesa á busca da permanencia na categoría. Os de Dani Llácer impuxéronse ao Lugo no campo e no marcador, logo dunha primeira metade na que acadaron tres goles de vantaxe.
Abriu a conta Nacho Castillo á media hora, logo dun penalti por agarrón de Unzueta sobre Jelbat á saída dun córner. E despois, chegou a quenda da dobre punta dos locais, con Martín Ochoa e Sergio Benito volvendo tola á defensa luguesa. Marcaron cadanseus goles no minuto 35 e no segundo do engadido de 14 minutos que deu o colexiado.
O árbitro asturiano García Riesgo destaca por amosar case un cartón vermello por partido. E mantivo a estatística logo do descanso, cando expulsou a Perera por dobre amarelo. Cun home menos, tres goles abaixo e case medio `partido por diante, o panorama era desalentador para os de Álex Ortiz, que encaixaban o 4-0 noutra acción rápida dos locais, con asistencia de Sergio Benito e remate de Martín Ochoa.
O treito final de partido afrontouno o Lugo con dignidade, facéndose co control do xogo grazas a Naco Celorio e Jorge González, dous homes de refresco. E tamén ao acerto goleador de Unzueta, que cazou dous remates á saída de senllos córners para maquear o resultado e acumular xa 11 dianas na Liga. O segundo chegou noutro engadido excesivo de 10 minutos, logo dun gol anulado a Adri Guerrero por un fóra de xogo que aprezou a revisión.
Catro a dous no Couto. O Ourense CF saca a cabeza do descenso, mentres o Lugo afronta as seis finais que lle quedan á busca da promoción.