O obxectivo do novo Consello do Deportivo é a saída do concurso de acredores
Álvaro García: "Encabezar este Consello de Administración é o soño de calquera deportivista e por tanto tamén o meu"
O novo presidente do Deportivo da Coruña, Álvaro García, ofreceu a súa primeira intervención ante os medios despois da celebración da Xunta Xeral Extraordinaria en que el e os outros cinco membros foron elixidos para conformaren o novo Consello de Administración do Dépor.
O máximo dirixente avanzou que os máximos accionistas do club "tomaron a decisión de saír do concurso de acredores", e en setembro avanzarase nesta cuestión nunha xunta de accionistas.
O novo presidente do Deportivo tivo un discurso emotivo:
"Encabezar este Consello de Administración é o soño de calquera deportivista e por tanto tamén o meu".
Salientou a presenza de dous históricos do deportivismo:
"Dous conselleiros que representan os valores que fixeron do Dépor un dos clubs máis gloriosos e queridos do fútbol español. Carlos Ballesta e Álex Bergantiños, desde dúas xeracións diferentes, levaron as cores e o escudo coa máxima entrega e exemplaridade dentro e fóra do terreo de xogo".
Avanzou a elaboración dun plan a cinco anos:
"A saída do concurso de acredores é un fito moi importante para abordar o noso futuro en mellor contorna económica e financeira. Os máximos accionistas tomaron a decisión e estamos convencidos de que o lograrán moi pronto. En 2020, levantaron a man para salvar un club abocado á desaparición".