O Obradoiro suma a terceira vitoria consecutiva en Bilbao (77-80)
Os de Moncho Fernández administraron a renda do segundo cuarto
Catro xogadores anotaron máis de dez puntos
O partido comezou igualado ata que o equipo local conseguiu o primeiro gran parcial ao seu favor, un 8-0 para acadar unha vantaxe de 16-7. Pero o Obradoiro reaccionou no final deste primeiro cuarto, que rematou cun 20-19. No segundo cuarto, os de Moncho Fernández volveron ser superiores e marcharon ao descanso cunha vantaxe de nove puntos: 29-38.
Á volta dos vestiarios, o partido tivo alternativas, pero o Obradoiro conseguiu manter a súa renda arredor dos 10 puntos, ata o 53 a 60 final. Foi no inicio do último cuarto cando se complicaron as cousas, cun parcial de 10 a 0 que obrigou a Moncho Fernández a pedir tempo morto. A partir de aí reaccionaron os galegos, que se viron por debaixo no marcador despois de moitos minutos, e volveron coller a iniciativa coas triplas de Zurbriggen e Phillip Scrubb, que deixaban unha vantaxe de sete puntos que os de Moncho Fernández deron aguantado con canastras de Suárez, Bender e co acerto nos tiros libres finais.
Aínda tivo a última Bilbao, pero Smith errou o lanzamento de tres e deixou un marcador final de 77 a 80 que significa a quinta vitoria da temporada para os santiagueses, terceira consecutiva. Un triunfo coral en que ata catro xogadores anotaron por riba dos dez puntos: Os irmáns Scrubb, Robertson e Bender.