O Obradoiro, pendente de Kassius Robertson e de Edgar Vicedo
En caso de vitoria ante o Betis, o Obradoiro selaría matematicamente a súa permanencia unha tempada máis na liga Endesa
Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro, está pendente da evolución de Kassius Robertson e de Edgar Vicedo para saber se ambos poden xogar ante o Betis.
O escolta canadense sufriu un golpe no tendón do dedo polgar da súa man esquerda no último partido contra o Baskonia, e está pendente de ser examinado polos médicos para saber se a lesión quedou nun susto.
Pola súa banda, Edgar Vicedo segue arrastrando molestias no xemelgo aínda que o técnico santiagués tamén confía en que poida xogar o choque contra o conxunto sevillano. Un encontro no que, en caso de vitoria, o Obradoiro selaría matematicamente a súa permanencia unha tempada máis na liga Endesa, xa que nestes momentos avantaxa en cinco triunfos ao conxunto verdibranco, que pecha a zona de descenso.
Con todo, no Obra son ambiciosos:
Moncho Fernández: "A estas alturas, todo o mundo xoga por algo. Temos opcións de pelexar polas prazas que van do oitavo ata o décimo posto".