O Sar vibra co triunfo do Obra nun derbi entre titáns (103-99)
O Obradoiro dispuxo de nove de vantaxe no segundo cuarto
O Leyma reaccionou no terceiro e chegou a empatar
No definitivo, os locais elevaron o ton atrás e levaron o partido
Barcello foi determinante con 22 puntos
Ambiente extraordinario no Sar e, fronte a fronte, os dous titáns do momento na Primeira FEB. Partido de poder, cos ataques por riba das defensas. Con Cuevas e Caio ao mando das operacións do Leyma e con Westermann e Dos Anjos dando resposta para Obradoiro. As primeiras vantaxes foron coruñesas (21-26), pero un parcial de 10-0 dos santiagueses, nos minutos finais do primeiro cuarto, puxo sete arriba o Obradoiro (33-26).
O segundo capítulo mantivo o frenesí, o ritmo do primeiro. Cunha loita endiañada polo rebote e con máis acerto no tiro dos locais. Barcelo e os pivotes do Obra marcaban a diferenza neste cuarto e permitían manter a diferenza cun 52-45 para o Obra.
Á volta dos vestiarios, o Leyma tratou de subir o nivel atrás e arriba enganchouse a Jorgensen. Os visitantes estreitaron a diferenza ata empatar (71-71) a falta de tres minutos e cargaron ademais a Westerman con catro faltas. Foron intres de sufrimento do Obra que só encontraba sustento na inspiración de Barcello. 76-73 para os Santiago camiño do cuarto final.
E no cuarto final activouse atrás o Obradoiro. Con Brito e Kravic liderando o xogo local, dominando o rebote, e coa diferenza que se estiraba ata os nove (88-79) a falta de seis minutos. O Leyma tratou de volver, pero aí apareceron de novo Barcelo e logo Westermann para decidir para Obradoiro.
Barcello acabou con 22 puntos, MVP do partido. Para o Leyma foi a primeira derrota da Liga e, con ela, ve como o Obradoiro se lle pon a un triunfo de distancia na clasificación.
O acabar o partido Barrueta e Cuevas falábanos do rebote como a clave que decidiu o choque.