Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Nadal cabe nun sobre: retorno das postais en papel?

O Nadal cabe nun sobre: retorno das postais en papel?

A compra de postais de Nadal, mercadas habitualmente por persoas de idade, é cada vez máis popular entre a mocidade

O papel é valorado novamente fronte ao dixital, considerado como algo "máis natural e con alma"

Postal de Nadal
G24.gal 01/12/2025 10:54

A dixitalización case acabou coa tradición de enviar por correo postais para felicitar o Nadal, e case todos empregamos xa as redes sociais ou o WhatsApp para facelo. Porén, hai unha repunta na venda de tarxetas de Nadal, e nas papelerías aseguran que moitas persoas seguen a apostar polo papel, máis auténtico e persoal. A variedade de postais no mercado é tan ampla coma o perfil dos seus compradores.

Tras a visita dalgunhas papelerías para saber se a dixitalización rematou ou non co costume de enviar postais para felicitar o Nadal, este ano a situación é sorprendente posto que estas tendas afirman "quedar sen stock en cuestión dunha semana, sobre todo das tarxetas 3D, as que son un pouquiño máis especiais",  e "nótase que se está volvendo a retomar ese costume de Nadal".

Pode ser que moitas non cheguen á caixa do correo e só acompañen agasallos ou decoren as casas. Porén, hai persoas que non renuncian ao encanto do papel para felicitar posto que "con todo o dixital estamos a perder a forma dun contacto e dunha cousa máis natural e con alma".

Nuria Tombo, traballadora de Carlín en Vigo, recalca o detallismo que supón o papel sobre o dixital sendo este un sinónimo de "dedicar tempo a buscar algo máis personalizado para a persoa que nesas datas queres recordar".

Eva Quinteiro, traballadora de Panda Bohème en Vigo afirma que houbo dende "xente nova ata señores maiores que se sorprenderon ao ver as escenas de Xesús en 3D" que se esgotaron en cuestión de días.

Así, algo que era feito por tradición como é a compra destas postais de Nadal, mercadas habitualmente por persoas de idade, é cada vez máis popular entre a mocidade, que volven darlle ao papel o valor que merece. Ademais, hoxe en día existe unha ampla variedade de formatos e deseños "xa que se mestura actualidade con tradición e iso incluso vende mellor", así informa Eva Quinteiro.

Quen sabe, quizais este ano teñamos a sorte de abrir a caixa do correo e xunto aos recibos e facturas habituais sentir de novo a emoción de atopar unha postal de Nadal de calquera dos nosos seres queridos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade