O 10 % dos nenos de dez anos participan en retos virais que atopan nas redes
Algúns deses desafíos suxírenlles aos pequenos actos violentos ou autolesións
O INCIBE activou unha alerta por un novo reto en TikTok que consiste en cortar a pel coa coitela do sacapuntas
Usan reclamos para estes supostos xogos, con palabras clave, neste caso "liñas vermellas". O Instituto Nacional de Ciberseguridade alerta sobre outro reto viral, que está levando a adolescentes, case nenos, á autolesión.
"As condutas de risco están premiadas nesas idades desde sempre, o cabaliño na moto, o tirarse ao mar desde a penela máis alta. É un xeito de incorporse ao grupo, como un ritual de pertenza", explica Antonio Rial Boubeta, que é Profesor da USC experto en Ciencias do Comportamento.
O problema, di, é que agora eses riscos están amplificados nun ámbito que pasa desapercibido aos adultos que deberían coidar.
"Isto hai que poñelo na axenda educativa e das familias. Hai que traballar a autoestima e a asertividade, aprender qa dicir que non", engade Antonio Rial Boubeta.
Na guía que acaban de presentar a nivel estatal, os expertos da USC explican que en dez anos as redes multiplicaron por catro os problemas de saúde mental dos adolescentes e a subliñan a responbilidade das propias plataformas.
"Están a facer negocio coa vida, os desexos, as ilusións e as meteduras de pata dos nosos fillos", denuncia Antonio Rial Boubeta, profesor da USC experto en Ciencias do Comportamento.