Publicador de contidos
Publicador de contidos

O ministro de Economía fala co BCE sobre “o posible efecto lesivo” da OPA antes da reunión do Eurogrupo, por María Cadaval

OPINIÓN

O ministro de Economía fala co BCE sobre “o posible efecto lesivo” da OPA antes da reunión do Eurogrupo, por María Cadaval

G24.gal 14/05/2024 08:02

A firme oposición do Goberno español á fusión entre o BBVA e o Banco Sabadell foille transmitida ao Banco Central Europeo (BCE). O ministro de Economía Carlos Cuerpo aproveitou unha reunión previa á do Eurogrupo para trasladarlle á presidenta do Mecanismo Único de Supervisión Claudia Buch os argumentos do Executivo español en contra desta operación financeira, que considera de relevancia para España pero tamén para o conxunto da Unión Europea. Este encontro produciuse a pedimento do ministro español e subliña a importancia que o Goberno outorga a este asunto.

No encontro, Cuerpo expresou as preocupacións do Goberno respecto ao impacto en termos de concentración e competencia que podería xerar esta fusión mediante unha OPA hostil do BBVA ao Sabadell. A posición española contra a operación sorprendeu nalgúns círculos financeiros europeos, que ven na determinación do Goberno a defensa de intereses nacionais no sector bancario mediante un compromiso para protexer a competencia.

Pero o BCE, como supervisor bancario, recibiu as preocupacións do Goberno español e limitouse a explicar o seu papel e os requisitos que analiza desde un punto de vista prudencial, como son a competencia e concentración de mercados financeiros en Europa, sen facer ningún pronunciamento específico.

Producirase o cuarto desembolso de Fondos Europeos?

Ademais de abordar a cuestión da fusión bancaria, o ministro Carlos Cuerpo aproveitou a súa visita a Bruxelas para expresar a súa confianza en que España recibirá o pagamento completo do cuarto prazo do Fondo de Recuperación. Esta confianza baséase na próxima aprobación da reforma do subsidio de desemprego, que espera que sexa apoiada no Congreso cos votos necesarios. O prazo da Comisión Europea para adoptar unha decisión ao respecto expira o vindeiro 20 de maio e saberase nestes días se o desembolso será total —10.021 millóns de euros— ou parcial, en función dos incumprimentos dos fitos pactados que a Comisión considere. España debe avanzar na consecución dos máis de 50 fitos e obxectivos comprometidos con Bruxelas, que ten que valorar positivamente para facer o desembolso. A favor de España xoga o dato de crecemento do primeiro trimestre, o dobre da media da zona euro; en contra, a lenta execución dos fondos recibidos.

O ministro ten agora por diante o reto de canalizar os 83.000 millóns de euros que este país recibirá en préstamos, polo que debe traballar co BEI para dar saída aos 20.000 millóns de euros do fondo de resiliencia autonómica, coa finalidade de financiar proxectos estratéxicos como mobilidade e turismo sustentable, competitividade industrial e vivenda (rehabilitación), co que será determinante que se produza un avance na cogobernanza coas comunidades autónomas, que serán, en última instancia, as competentes para executar estes fondos.

Moitas frontes abertas e unha tarefa pendente á que obriga a entrada en vigor das novas regras fiscais: elaborar unha estratexia fiscal e de reforma no chamado plan fiscal estrutural de medio prazo, que o Goberno debe remitir a Bruxelas en setembro e que estará vixente por un período de catro anos, no que debera estar traballando e acordando coa oposición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade