Publicador de contidos

Publicador de contidos

Traballar despois dun cancro de mama

Traballar despois dun cancro de mama

O 70 % das mulleres que pasaron un cancro de mama tiveron que interromper a súa vida profesional

Unha de cada tres sufriu problemas económicos nesta etapa

G24.gal 16/10/2025 14:18

As dificultades co traballo centran a xornada da Asociación contra o Cancro da Coruña, que está a dedicar este mes a visibilizar os múltiples aspectos que implica esta doenza. Pacientes e expacientes de cancro de mama interpelaron este xoves os representantes empresariais para falarlles das dificultades que teñen á hora de reincorporarse.

"Moitas das mulleres están en idade laboral e a reincorporación é moi complicada. Queremos que as empresas nos dean a visión de como podemos contribuír desde a AECC a que eles aceptasen a reincorporación do mellor xeito posible", explicou Isabel Esteban, a presidenta da xunta local da AECC en Ferrol.

"Sénteste moi insegura, máis dispersa, máis espesa, o que se chama o 'chemobrain' (trastorno cognitivo posquimioterápico), do que non se fala o suficiente, e eu creo que se debería", relatou Iria Carballeira, que superou un cancro de mama.

É normal que sigan tendo durante un tempo dor, fatiga ou ansiedade, e que por iso as xornadas se fagan extenuantes. Por iso avogan por protocolos que faciliten esa volta á vida laboral.

O día 19 é o Día contra o Cancro de Mama, pero na AECC da Coruña organizan encontros coma este todo o mes para abordar tamén aspectos como a prevención ou a investigación, como a que busca os biomarcadores do cancro de mama metastásico.

"A idea é evitar tratamentos que non van ser efectivos, porque todos, por moi inocuos que sexan, teñen efectos secundarios", di Clotilde Costa, investigadora do IDIS.

Xornadas destinadas á divulgación para mellorar a calidade de vida dos pacientes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade