Conclúe a opa do BBVA sobre o Sabadell pero o resultado saberase nunha semana
O reconto das ordes dos distintos accionistas levará varios días e manterá ata o 17 de outubro a incógnita sobre o resultado
De superaren o 30% pero non chegar ao 50% o BBVA tería que lanzar unha segunda opa para seguir adiante

A opa do BBVA sobre o Banco Sabadell concluíu este venres a medianoite, cando acabou o prazo para que os accionistas da entidade catalá se acollesen á oferta de troco que propoñía o banco vasco. Con todo, haberá que agardar unha semana para coñecer o resultado.
Ata as 23:59 horas o BBVA mantivo operativa unha liña de teléfono gratuíta para atender os máis demorados e ata as 21:00 horas 70 sucursais do banco, algo inédito, permaneceron coas portas abertas para apuntar os accionistas do Sabadell que non aceptaron a oferta ata o último día.
O BBVA lanzou en maio de 2024 unha opa para facerse co control do Sabadell despois do rexeitamento da súa cúpula a unha oferta amigable.
Entón, comezou un longo proceso para que os accionistas do banco catalán puidesen decidir o futuro da entidade, dende o día 8 de setembro ata este venres.
Prezo "insuficiente"
Na súa última oferta, o BBVA propoñía entregar unha acción nova súa por 4,8376 accións do Sabadell a quen quixese aceptar o troco, o que ao peche da sesión deste venres suporía gañar algo máis do 3%.
A modo de exemplo, un accionista con 10.000 euros investidos no banco catalán recibiría uns 10.300 euros en accións do BBVA.
Desde o Banco Sabadell recomendaron aos seus accionistas non aceptar a proposta do BBVA e nos últimos días insistiron en que o prezo ofrecido era "insuficiente", pois cren que a entidade ten un potencial de revalorización de ata un 26% sobre a oferta.
Aseguraban que a remuneración prevista nos vindeiros tres anos será "claramente superior", xa que agardan distribuír, entre dividendos e recompras, preto do 40% da cotización actual, incluído un pago extraordinario en efectivo de 0,50 euros por acción pola venda da súa filial británica, TSB.
Ademais, para o grupo catalán acudir á opa en curso tiña "riscos relevantes", pois o consello de administración do Sabadell estaba convencido de que a oferta obterá "un moi baixo nivel de aceptación" (entre o 30% e o 50%) e se o BBVA quixese seguir adiante, tería que lanzar unha segunda opa.
Nese caso, os accionistas do Sabadell que aceptasen a actual oferta, que pasa exclusivamente polo troco de títulos, terían que pagar impostos se obteñen plusvalías con esta transacción e son residentes en España, e non poderían acudir a unha eventual segunda opa que sería en efectivo.

Oportunidade "única"
No lado contrario, desde o BBVA consideraban que se trataba dunha oportunidade "única" e dicían que a última oferta, mellorada o 22 de setembro, era "aínda mellor en prezo e fiscalidade", polo que animaban ata o último momento aos accionistas que non se acolleran a facelo.
Reiteraba a idea de que ofrecía unha prima do 44% respecto ao prezo de peche de abril de 2024, xusto antes de que transcendera que volvía estar interesado no Sabadell, o que o levou a presentar unha semana despois a opa ante o rexeitamento do consello de administración do banco catalán.
O BBVA aludía a unha "gran creación de valor para o futuro" se os dous grupos acabasen uníndose e subliñaba que se o accionista do Sabadell non facía nada, non estaría aproveitando "as vantaxes da oferta" e quedaría como accionista dun banco con menor liquidez e menor diversificación.
Así mesmo, ofrecía facer o troco de accións do Sabadell sen custo, con independencia de que fosen ou non clientes do BBVA. Con todo, advertía que de superaren o 30% de aceptación pero sen chegar ao 50%, no caso dunha "hipotética e incerta" segunda opa xa non habería neutralidade fiscal.
No último día para acudir ao troco, Bloomberg avanzaba que os fondos xestionados activamente por BlackRock, con preto do 0,5% do capital do Sabadell, acudían á opa.
A partir de agora, tras o peche do prazo de aceptación, comezará o reconto das ordes dos distintos accionistas, o que levará varios días e manterá ata o 17 de outubro a incógnita sobre o resultado.