OPINIÓN
Minuto e resultado, por María Bastida
Quedan só dous días para que peche o prazo de aceptación da OPA de BBVA sobre Banco Sabadell, e o ambiente lembra máis unha final de Champions que unha operación financeira. BBVA, no seu papel de depredador elegante, está a apelar ao medo: advirte de que se a OPA fracasa a cotización do Sabadell caerá en picado. A estratexia é clara: instalar a idea de que non acudir equivale a perder. Ao mesmo tempo, deixa caer que, se logra polo menos un 30 % do capital, podería seguir adiante cunha segunda OPA -esta vez en metálico-, malia insistir en que non haberá ampliación de capital. Unha mensaxe calculada para inquietar tanto como para seducir. Desde a outra trincheira, o Sabadell reivindica que, en solitario, ten máis futuro e máis rendibilidade que baixo o paraugas do BBVA. E advirte aos seus accionistas de que acudir ao troco podería saírlles caro se, como se rumorea, BBVA se vira obrigado a mellorar o prezo nuns meses. Á súa maneira, tamén xogan co medo: o de vender demasiado barato.
Neste taboleiro, cada movemento conta. O empresario mexicano David Martínez, a pantasma de Wall Street, decidiu acudir á OPA, aínda que iso lle supoña renunciar a uns 110 millóns de euros en dividendos do Sabadell. O seu xesto, máis simbólico que financeiro, dá osíxeno ao BBVA. Pero a aseguradora Zurich, que controla case un 5 % do banco catalán e mantén unha alianza en seguros con el, fixo xusto o contrario: anunciou que non acudirá porque confía máis no proxecto independente do Sabadell. Os grandes fondos, que suman ao redor do 30 % do capital, parecen inclinarse polo BBVA, pero o resultado aínda está no aire. Os pequenos accionistas teñen a chave do desenlace. E son, precisamente, os máis susceptibles ao ruído mediático que ambos os bandos están a xerar.
Mentres tanto, a tensión política e reguladora engade máis leña ao lume. BBVA recorreu contra a obrigación imposta polo Goberno de manter a independencia do Sabadell durante tres anos, unha cláusula que bloquea calquera fusión ata 2028. Bruxelas, pola súa banda, abriu un expediente a España por interferir no proceso. E ambos os bancos acúsanse mutuamente ante a CNMV de malas prácticas. É dicir: gañe quen gañe, haberá prórroga xudicial.
BVA xogou unha partida audaz, mesmo temeraria, que revela tanto a súa ambición como os seus límites. Quixo aproveitar o seu músculo financeiro e a súa narrativa de banco gañador para absorber un rival mediano nun momento de debilidade do mercado. Pola súa banda, Sabadell converteu a súa defensa nunha cuestión de identidade. Non é só un banco catalán resistindo unha opa vasca; é un proxecto que, despois de moitos anos difíciles, se reivindica como viable e rendible. Oliu e o seu equipo están a apelar á narrativa do David contra Goliat, o que resulta moi eficaz nunha contorna onde os pequenos accionistas son tamén clientes e as emocións pesan tanto como as cifras.
O interesante é que ambos poden ter razón e ambos poden perder. Se BBVA non logra o control, a súa imaxe de solvencia estratéxica reséntese: quedará como o xigante que non soubo pechar a operación. Pero se o logra, a integración será un campo minado: regulacións, política, tribunais e culturas corporativas moi distintas. O Sabadell, en cambio, pode gañar tempo e lexitimidade se resiste, pero perdería o efecto prima que sostivo o seu valor en bolsa. Sen a OPA, terá que demostrar rapidamente que o seu plan en solitario xera de verdade a rendibilidade que promete.
No fondo, este pulso fala dos límites do poder corporativo nun país onde a política, a identidade e o mercado financeiro se entrelazan. E se tivese que apostar unha lectura final, diría que ningún gañará de todo. BBVA pode acabar cun trofeo complicado de dixerir, e Sabadell, cunha vitoria moral pero un futuro esixente.