Publicador de contidos

Publicador de contidos

O millo corvo segue tomando valor tras estar a punto de extinguirse

O millo corvo segue tomando valor tras estar a punto de extinguirse

Esta variedade ancestral de millo galego goza de festa propia e outras honras

G24.gal 18/05/2025 21:19 Última actualización 18/05/2025 21:38

Na aldea de Meiro, en Bueu, o pan facíase antigamente con este millo escuro, da cor dun corvo. O seu uso, porén, fíxose residual ao chegar a moda doutros cereais de fóra. Un grupo de veciños moveuse para recuperalo. 

"Para recuperalo o que fixemos foi ir falar cos vellos, que foron un piar fundamental", explica a presidenta da Asociación Cultural de Meiro, Victoria Martínez.

A través dos avós que o mantiñan vivo fixéronse co gran e aprenderon a cultivalo e transformalo ao xeito tradicional. Disto xa pasaron 28 anos. O millo corvo ten actualmente festa propia de interese turístico e está espallado dentro e fóra de Meiro.

"Si, está moi espallado, por Galicia, por España e mesmo polo estranxeiro, por varios países", confirma Victoria Martínez.

O millo corvo está na carta de grandes cociñeiros e entrou na Arca do gusto, polas cualidades extraordinarias que ten.

"Precisamente pola cor, pola cor negra. Ten antocianina, antioxidantes e moitas cousas máis que o fan un alimento extraordinario", relata a responsable da Asociación Cultural de Meiro.

Do millo corvo pódese aproveitar todo. Co carozo, por exemplo, facíanse no pasado xoguetes, co follaco útiles para a casa e mesmo para a pesca.

"Era utilizado para facer cebos para a pesca do atún e mais do bonito", aclara Victoria Martínez.

Rescatar esta variedade de millo levou tamén á recuperación de patrimonio cultural, coma estes muíños, e á recuperación de tradición oral: lendas, toponimia... A Asociación Cultural de Meiro está comprometida a transmitir este legado dos avós, algúns xa desaparecidos.

"O que queremos é transmitilo ás xeracións que veñan, aos máis pequechos", puntualiza a presidenta da Asociación Cultural de Meiro.

Para iso fanse actividades in situ con nenos e editáronse unidades didácticas, que chegaron aos coles do concello e doutros puntos de Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade