O metrosidero do Obelisco, na Coruña, xa está na súa nova localización
A árbore foi desprazada uns metros para permitir o avance das obras de remodelación da zona dos Cantóns
O metrosidero, de grandes dimensións e frondoso porte, foi plantado nesta zona do Cantón Grande, na Coruña, en 1999. Agora, 26 anos despois cambia de localización para poder continuar coa reconfiguración dos accesos ao aparcadoiro soterrado, onde está prevista a instalación dun ascensor conectando coa superficie.
"Os expertos son os que teñen que decidir". "Levalo de aquí, non. Que quede aquí. Pero movelo cinco metros para un lado ou outro, que máis dá". "Sería distinto que o sacasen de aí e non tivese unha localización próxima". "Non sei se vale a pena porque vai morrer".
Tras un primeiro intento frustrado, os operarios afanábanse na manobra baixo a atenta mirada dos curiosos.
"Eu vexo como levantan a árbore e pouco máis. É o meu traballo de xubilado: supervisar as obras".
Segundo os informes técnicos do proxecto, esta emblemática árbore esixía un substrato máis amplo para desenvolverse sen problemas, e recollen tamén que con este cambio se busca resaltar o seu valor e que a súa copa recupere a simetría.