O mercado do Calvario cambia o peixe e a verdura por artesanía e produtos sostibles
A X edición do mercado da arte "Non todo o peixe está vendido" celebra este ano o centenario da mítica praza de abastos viguesa
A décima edición do mercado da arte "Non todo o peixe está vendido" celebra este ano o centenario do mercado do Calvario en Vigo.
Os postos habituais de carne, peixe ou froitas convértense por un día en tendas de produtos únicos e sostibles onde clientes e artistas establecen unha relación próxima, como era antes en barrios coma este.
O mercado de abastos do Calvario é hoxe un mercado da arte ateigado de clientes que repiten experiencia cada edición. Aínda hai olor a peixe pero del nin rastro.
"Como pode haber tanta xente aquí no Calvario? É incrible. Entón repetimos. Isto chama a atención. Mirar a praza de Abastos, a antiga, que se encha", conta Mónica Solla, tendeira da cestería O Tejido.
"É unha marabilla. Este tipo de espazos, este tipo de postos colocados así desta maneira que ten que ver co mercado habitual dos alimentos pero traducido a estos outros artigos, a min paréceme unha bomba", engade Angel Remírez, que ven de Vitoria e ten un posto de cerámica.
Ester e Alba, as promotoras deste mercado da arte ensínannos os case 80 postos. A idea é fomentar a economía circular e volver á vida de barrio.
"Esta é unha cita anual onde a xente ven, coñécese, volve verse. E logo ti cando mercas un produto poslle cara á persoa que fixo todo o proceso, e pódeche contar como foi ese proceso de elaboración do produto que ti estás mercando", explica Ester López, de "No todo el pescado está vendido".
"Nós loitamos por unha moda diferente. A nivel estético pero tamén a outros niveis: como producimos a roupa, as cantidades que producimos. Moitas cousas para que sexan prendas que duren toda a vida", relata Marta Ferrer, da marca textil Kifi Lab.
"Aquí sempre atopas cousas distintas, que non se atopan noutras tendas por xunto. Eu creo tamén que o traballo da xente que fai as cousas máis pequenas e con máis responsabilidade merece moito a pena", di Ali Rojo, unha clienta habitual neste mercado anual da arte.
"A cantidade de xente que hai neste país noso facendo cousas fermosas e creativas, con ilusión onde non so importa a ganancia senón o proceso de facelo", matiza Carme Rigau, outra clienta habitual deste mercado da arte do Calvario.
Xoias feitas con cunchas de Cabo Verde, baleas, discos, cestas, ilustracións..., pequenos tesouros en tendas coma as de antes con tendeiros como aqueles para celebrar cen anos do mercado de Abastos do Calvario.