O mellor museo da pesca de río no ámbito estatal é galego
O Centro de Interpretación da Pesca da Pontenova conta con máis de 600 pezas, como canas de pescar ou recreacións de insectos
Creado hai sete anos, o Centro de Interpretación da Pesca da Pontenova foi gañando prestixio ata ser considerado actualmente como o mellor en todo o ámbito estatal na súa categoría. Entre as súas coleccións figuran canas de pescar centenarias, carretes de madeira, cebos realistas, como grilos, unha barbantesa ou un escorpión, culleriñas artersanais que nadan na auga ou un gancho de salmóns de gran valor histórico.
"Un dos ganchos, porque había varios, de cando viña Franco viña aquí de pesca. Temos un gancho que é auténtica tecnoloxía alemá para aqueles tempos. Dábaslle a unha panca, poñíase totalmente recto e collías o salmón con iso", explica Javier Rois, coordinador do centro.
Remodelado nas últimas semanas, o espazo aspira agora a ser recoñecido pola Xunta como un museo. De feito, xa funciona como tal, posto que se pode visitar de balde na antiga estación da vila.
"Creo que merecía un recoñecemento e unha redecoración integral para ser máis visible. Porque cando vén unha familia para velo, veñen nenos, e quería que fose atractivo para a familia enteira", sinala Rocío Pérez Oliva, encargada da remodelación do centro.
O museo encontraríase na meca galega da pesca de río, que ademais alberga a troita máis grande do mundo, de nove metros. Precisamente a este peixe dedica A Pontenova a festa que este ano se amplía a tres días, do 29 de abril ao 1 de maio.
