O'Mega e Sanidade seguen negociando este martes o fin da folga tras un encontro "cordial" de 4 horas
O'Mega e Sanidade seguen negociando este martes o fin da folga tras un encontro "cordial" de 4 horas
Coa protesta, que dura xa 20 días, o sindicato reclama limitar as axendas dos facultativos a 30 pacientes e revisar os plans funcionais dos PAC
Peche de médicos no centro de saúde Olimpia Valencia de Vigo. Adrián Irago / Europa Press
O'Mega e a Consellería de Sanidade mantiveron este luns un encontro para tratar de poñer fin á folga indefinida en Atención Primaria que se prolonga desde hai máis de 20 días, e que, tras catro horas de clima "cordial", rematou sen pechar un acordo, pero co emprazamento a unha nova reunión este martes.
Así o explicou o voceiro do sindicato O'Mega, Javier Iglesias, á saída do edificio administrativo do Sergas, onde mantiveron unha reunión que comezou ás 11:00 horas e re,atou preto das 15:00 horas.
Iglesias dixo que o sindicato expuxo "os puntos principais" das súas reclamacións.
"Eles tomaron nota e emprazáronnos a unha reunión mañá ás 16:30 horas para continuar as negociacións", explicou Javier Iglesias, que confiou en que a consellería "responda positivamente e que poidamos seguir avanzando".
As posturas "realmente non están moi afastadas"
Sobre as posturas, o voceiro de O'Mega explicou que "realmente" non se atopan "moi afastadas", e que o punto de fricción é a necesidade de "concretar" as medidas e non quedarse só nunha declaración de intencións.
"Nós expuxémoslles unha serie de puntos que necesitabamos ter concretos, e mañá contestarannos. Esperemos que sexan boas noticias", engadiu.
Medidas imprescindibles para O'Mega
Entre as medidas imprescindibles para o sindicato está "poñer fin ás axendas chicle" e limitalas a 30 pacientes para "poder ter máis tempo para atender" os doentes. Tamén esixen unha revisión dos plans funcionais dos PAC "para adecuar a sobredemanda que aumentou nos últimos anos" e a mellora das condicións laborais dos PAC.
O peche que un grupo de médicos secunda desde hai unha semana no centro de saúde Olimpia Valencia de Vigo continuará polo menos ata este martes, segundo confirmou o sindicato, á espera do resultado das negociacións coa Consellería de Sanidade.