O medio maratón Vigo-Baiona cumpre 25 anos sendo o máis multitudinario ata a data
O mesmo percorrido fermosísimo de 21 quilómetros de medio maratón pola liña da costa que une esta avenida de Samil en Vigo con Baiona pasando por Nigrán
O medio maratón entre Vigo e Baiona, o Vig-Bay cumpre 25 anos e celébrao co maior número de inscritos da súa historia. Esta proba está considerada polos corredores como unha das de percorrido máis fermoso de toda España con vistas ao mar durante toda a carreira. Este ano, ademais, esta casa, a TVG foi tamén protagonista.
Moitos récords fan a diferenza desta edición a respecto das vinte e cinco anteriores. Este Vig-Bay é o de máis participación da súa historia con 6.750 corredores. Tamén é a primeira vez que as mulleres superan o 30 % de todos os participantes. Ademais, esta edición conta con corredores da China, Eslovenia ou Panamá.
En ningunha edición anterior vimos tantos corredores, tantos inscritos no medio maratón de 21 quilómetros como no mini-bay, de algo máis de dez con saída en Nigrán. Antes da saída das dez, os homes e mulleres de Discamino, coma en todas as edicións saíron nos seus vehículos adaptados. Eles son parte activa da Vigo-Baiona. Despois comezaba a carreira na avenida de Samil. Máis de 6.700 deportistas, e o 30 % son mulleres.
"Este ano hai 2.400 mulleres e todas moi novas, menores de 33 anos, que son case o 40 % das que participan. É unha burrada. E vai subindo ano a ano. Porcentualmente, tres ou catro por cento veñen subindo todos os anos. Pero este ano a suba foi tremenda", conta Miguel Gómez, membro da organización e inscricións da Vig-Bay.
"Cada vez estamos moito máis visibles no deporte, e penso que nos atrevemos máis. No meu caso, para min é o meu primeiro medio maratón", explica Lucía Rodríguez, xornalista e presentadora da TVG.
Esta proba de 21 quilómetros está considerada por moitos, e moitas, unha das máis fermosas porque en lugar de ver asfalto os ollos van vendo o mar, o litoral ata Baiona.
E xa na meta aqueles corredores que naceron no ano 1985 celebraron o aniversario desta canle, da TVG, que coma eles tamén naceu hai corenta anos. Na corentena, un agasallo televisivo co desexo de que uns na vida e outros en antena cumpran moitos moitos máis.