'Voa', o novo himno do Deportivo, obra do compositor coruñés Xoel López
Coñecerase oficialmente unhas horas antes do Teresa Herrera, que se celebra o 12 de agosto
“Sempre dixen que quería facer o You Will Never Walk Alone do Dépor", explicou Xoel López
O Deportivo presentou este xoves, no Teatro Colón da Coruña, o novo himno do club con motivo do seu 120 aniversario, unha obra composta polo músico e compositor Xoel López, quen elixiu o nome de ‘Voa’ para a peza.
“Levaba moitos anos facendo o himno do Dépor no meu interior. Desde o principio entendín que tiña ser un himno con compromiso coa nosa terra”, expuxo o músico coruñés durante a súa intervención.
Inspirado no himno do Liverpool
Xoel López desvelou que se inspirou no mítico You Will Never Walk Alone, o himno do Lipervool FC, para elaborar o himno deportivista.
“Sempre dixen que quería facer o You Will Never Walk Alone do Dépor, de aí vén a idea do título. O título é ‘Voa’. Tiña o título antes de ver esa imaxe, pero vin que no estadio había unha pancarta de "Voa Dépor, voa"; foi curioso que a idea que tiña para o himno tamén a representasen os afeccionados rescatando unha pancarta de hai anos. Para eles é Walk On, camiña; nós dicimos Voa Dépor”, afirmou.
Pola súa banda, Borja Calvo, responsable de Marca do RC Deportivo, explicou a orixe dun proxecto impulsado polo club co obxectivo de dotar o deportivismo dun himno contemporáneo, capaz de representar os valores, a historia e a proxección de futuro da entidade.
“Cando chegou o momento de revisar a identidade sonora e ver como a podiamos evolucionar, vimos claro que era necesario facer este exercicio de avanzar a marca no himno e crear esa nova peza que se fixo para representar o que é o Dépor hoxe en día, que fose capaz de emocionar, de unir xeracións e de representar o RC Deportivo durante moito tempo, durante moitos anos”, expuxo Borja Calvo.
Ademais, puxo en valor a elección de Xoel López como autor pola súa traxectoria artística, a súa estreita vinculación coa Coruña e a súa capacidade.
“É un luxo poder contar con Xoel pola súa calidade musical, a súa sensibilidade, a universalidade da súa música”, asegurou o representante da entidade branquiazul.
O himno será realidade o día 11 ou o 12 de agosto, aínda non está claro. Só se sabe que se publicará antes de que empece o Teresa Herrera.