O Mecalia trae catro goles de vantaxe á Sangriña na final da EHF European Cup
Gañou por 20-24 na pista do Michalovce e encamiñou o primeiro título europeo da historia do balonmán galego
Gran partido das dúas xogadoras do Mecalia que ocupan o extremo: Mendoz (6 goles) e Ania Ramos (4 goles)
O Mecalia Guardés está a sesenta minutos de traer para Galicia o primeiro título europeo da historia do noso balonmán. Gañou por 20-24 ao Michalovce en Eslovaquia na ida da final da EHF European Cup. Unha diferenza ampla e que reflicte o gran partido que xogou o cadro dirixido por Ana Seabra. Cun traballo defensivo perfecto e unha portería moi solvente o Mecalia foi case sempre por diante no marcador.
Comezou cunha vantaxe de 1-4 á que reaccionou o equipo eslovaco que se puxo por diante por primeira vez cun 7-6. Pasou ese mal momento o Guardés que acabou por diante o primeiro tempo (11-12). Decisiva foi a achega desde o extremo de Ania Ramos e Mendoza que xa no primeiro tempo se asociaron para marcar seis goles, dez en total ao final do encontro.
No segundo tempo aumentou a intensidade defensiva dun Guardés que pasou do 12-12 ao 15-20, máxima diferenza do partido. O Michalovce pediu un tempo morto e encadeou un parcial de 4-0 (20-21) para poñer emoción na final. Pero o Guardés acabou moi forte e cun 0-3 festexou unha vitoria que pode valer un título.