O Guardés cítase coa historia en Eslovaquia
Ana Seabra: "Hai que facer un bo partido alí e deixar viva a eliminatoria. Pode ser moi ilusionante e histórico"
O partido de ida ante o MSK Iuventa Michalovce será ofrecido en directo en AGalega.gal
O Mecalia Atlético Guardés inicia este domingo, na pista do MSK Iuventa Michalovce, o asalto ao que sería o primeiro título continental da súa historia na final da Copa Europea que lle medirá ao conxunto eslovaco.
O equipo galego encara a final europea co reforzo anímico que supuxo a súa participación na Copa da Raíña de San Sebastián, onde só cedeu ante o anfitrión, o Super Amase Bera Bera, na final (26-21). A expedición galega partiu este venres rumbo a Michalovce.
Será unha viaxe de 14 horas, sumando avión e autobús, para chegar á cidade eslovaca, onde mañá ten previsto realizar un último adestramento no Chemkostav Area, escenario do primeiro partido da final.
A fortaleza do MSK Iuventa na súa pista suporá un enorme desafío para as aspiracións galegas.
Ana Seabra: "Hai que facer un bo partido alí e deixar viva a eliminatoria. Pode ser moi ilusionante e histórico"
Para ambos os equipos será a segunda final da súa historia. O Guardés perdeu a primeira en maio de 2023 ante o Antalya Konyaalt, a pesar de viaxar a Turquía cunha renda de seis goles. Un ano despois, o Elxe proclamouse vencedor da Copa Europea tras vencer ao MSK Iuventa.
O primeiro partido da final disputarase este domingo, a partir das 16:00 horas, no Chemkostav Area, será dirixido polas colexiadas romanesas Xeorxiana Murariu e Mihaela Chiruta e ofrecido en directo en AGalega.gal.