Publicador de contidos

Publicador de contidos

O mar de ardora abre un verán de fenómenos naturais en Galicia, que se prepara para a eclipse solar

O mar de ardora abre un verán de fenómenos naturais en Galicia, que se prepara para a eclipse solar

Durante os últimos días, o mar de ardora puido verse en varios areais galegos, entre eles a praia da Lanzada

Mar de ardora na praia da Lanzada, a 15 de xullo de 2026. (Elena Fernández - Europa Press) Mar de ardora na praia da Lanzada, a 15 de xullo de 2026. (Elena Fernández - Europa Press)
G24.gal 15/07/2026 15:36

Coa chegada do verán, Galicia volve ser un dos lugares onde pode observarse o mar de ardora. Este ano, ademais, a comunidade será un dos puntos desde os que poderá seguirse a eclipse solar total.

Durante os últimos días, o mar de ardora puido verse en varios areais galegos, entre eles a praia da Lanzada, ata onde se achegaron a pasada noite numerosas persoas para contemplalo.

 

O mar de ardora é un fenómeno natural que se produce debido á presenza de organismos micróscopicos que, cando son axitados polas fortes ondas, o vento ou un movemento na superficie, brillan.

A súa aparición depende de factores como a temperatura da auga, o estado do mar ou a concentración destes microorganismos. Nos últimos anos, praias como A Lanzada, Carnota, Nemiña e Balarés, entre outras, convertéronse nos enclaves favoritos de quen quere contemplar este fenómeno, cuxa visibilidade varía en función das condicións ambientais.

 En declaracións a Europa Press, a xefa da Unidade de Oceanografía e Fitoplancto do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Yolanda Pazos, explicou que o mar de ardora prodúcese pola presenza de dinoflaxelados, uns microorganismos que emiten luz cando son axitados pola ondada, o vento ou calquera movemento na superficie da auga.

Segundo detallou, estes organismos reprodúcense e proliferan cando se dan determinadas condicións ambientais, o que provoca unha coloración da auga que durante o día adquire tonalidades alaranxadas e, pola noite, escintileos azulados.

O episodio actual comezou ao redor do 15 de xuño nas zonas de Chapela e Bueu. Posteriormente, o 25 de xuño, o Intecmar detectou concentracións de "unhas 400 células" na contorna das illas Cíes.

Mellores condicións para ver este fenómeno natural

Pazos explicou que a persistencia do fenómeno depende, en gran medida, das condicións meteorolóxicas. Así, un vento forte do norte favorecería a saída destas células das rías, mentres que un vento intenso do sur faría que se afundisen.

En cambio, as mellores condicións para observar o mar de ardora danse cando "non hai moitas correntes" e desde puntos con escasa contaminación lumínica.

A continuación, sinalou que as especies responsables do fenómeno varían segundo a zona da costa galega. No sur predominan organismos de maior tamaño, de ao redor de dous milímetros, que mesmo poden distinguirse a contraluz na auga. En cambio, no norte as especies son moito máis pequenas, o que fai que o brillo apareza máis difuminado.

A este fenómeno natural súmase este ano a eclipse solar total que terá lugar o 12 de agosto e que esperta un grande interese entre os cidadáns, ao ser a comunidade galega un dos mellores lugares para poder observala.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade