Mallan nunha parella de Narón supostamente por un axuste de contas
"Os golpes foron brutais e había moitísimo sangue", di o veciño que auxiliou as vítimas
A parella agredida recoñeceu que lle roubaran algo os seus agresores, que confesaron que coñecían
Sabían por quen ían e tamén o que buscaban. As vítimas confesaron que lles roubaran, supostamente droga, aos seus agresores. Un dos veciños veu como unha persoa recollía algo da beiravía.
Os dous agresores chegaron en coche. Engancharon ás súas vítimas en bo sitio, nunha estrada das aforas de Narón que polo día leva tráfico, pero de noite, e máis con España xogando o pase á final do Mundial, non deixa marxe para miradas incómodas. Decatáronse os veciños máis próximos e grazas.
O primeiro en auxilialos conta que atoparon a moza sentada no chan, ensanguentada, e que despois baixou o mozo aínda peor.
"Déronlle ata no DNI. Eran dúas persoas con bates ou paus moi gordos, con sangue, que marcharon no coche".
Foi unha malleira brutal. De feito na parede quedan restos de sangue, malia que limparon todo o que puideron pola mañá porque seguen impactados.
"O mozo tiña golpes por todo o corpo moi fortes e ela na cabeza e nun ollo. Foi algo malo de ver porque había moitísimo sangue. Foi bestial. Dicían que lles deran unha malleiraza. Estaban moi alterados", engade o mesmo home.
Malia que coñecían os seus agresores, inicialmente non quixeron identificalos. Intúese o porqué. Xa este mércores á mañá si puxeron denuncia.