Publicador de contidos

Publicador de contidos

O mal tempo provoca trece falecementos en Francia, Italia e Austria

O mal tempo provoca trece falecementos en Francia, Italia e Austria

En Austria hai cinco vítimas, dúas delas nenas aos que lles caeu unha árbore enriba

En Italia hai dous mortos e case unha vintena de persoas feridas

Seis persoas mortas e doce feridas polas tormentas en Córsega

EFE, G24.gal 18/08/2022 18:49 Última actualización 18/08/2022 21:55

Dúas persoas morreron este xoves en Italia e case unha vintena quedaron feridas como consecuencia do forte temporal de vento e choivas que azouta especialmente as rexións do norte e do centro do país.

Os falecidos, un home e unha muller, morreron pola caída de dúas árbores na Toscana, o primeiro na localidade de Lucca e a segunda en Carrara.

O home, de 54 anos, atopábase tallando unha árbore nun espazo de propiedade privada cando outra árbore lle caeu encima, mentres que a muller foi esmagada na rúa e os servizos nacionais de emerxencia trataron de reanimala pero morreu pouco despois, informaron os medios locais.

O temporal deixou polo menos 18 feridos, entre eles unha persoa grave que quedou atrapada nunha caravana e outra que foi arrastrada por unha árbore e tivo que ser trasladada a un hospital de Versilia, tamén na Toscana.

Ademais da Toscana, outras rexións afectadas foron Piamonte, Liguria e Emilia-Romaña, onde as tormentas e os violentos refachos de vento -con picos de ata 120 km/h- causaron inundacións e arrincaron tellados, infraestruturas e derrubado árbores.

Cinco vítimas no sur de Austria

Dous nenos morreron este xoves no sur de Austria por culpa de árbores derrubadas polos ventos tempestuosos dunha tormenta eléctrica que causou outras tres mortes e polo menos 15 feridos, dous deles de gravidade, informou a televisión pública austríaca ORF.

As vítimas rexistráronse na tarde de hoxe na localidade de Sankt Andrä e o lago homónimo, no sureño estado de Carintia, onde a Cruz Vermella e os Bombeiros buscaban ademais a supostos desaparecidos, xa que se atopou vestimenta flotando na auga.

As tormentas eléctricas xa causaran problemas nas estradas de Carintia e a lindeira rexión de Estiria, onde árbores derrubadas e cortes de electricidade forzaron o peche ao tráfico dalgúns tramos e túneles de autoestradas.

Seis mortos e doce feridos en Córsega

Xa son seis persoas as que faleceron, entre elas unha nena de 13 anos, e doce as que quedaron feridas na illa mediterránea de Córsega polas fortes tormentas das últimas horas. Tormentas que están a azoutar boa parte de Francia.

Segundo o balance provisional das autoridades galas, os falecidos son unha muller de 72 anos, unha nena de 13 e un home de 46 anos. 

A menor faleceu cando unha árbore caeu encima do bungaló que ocupaba nun cámping en Sagone, mentres que a muller de 72 anos morreu nunha estrada, na praia de Liamone, en Coggia,  ao chocar un teito que saíu voando contra o vehículo que conducía.

O home de 46 anos morreu no cámping de Calvi, sen que se coñezan aínda as circunstancias concretas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade