O lume avanza sen control en Cáceres, obrigando a confinar ou desaloxar varias localidades
Castela e León é, unha xornada máis, a comunidade con máis lumes activos
O incendio que comezou hai seis días na localidade cacereña de Jarilla avanza sen control no seu flanco sur e obriga a confinar ou desaloxar centos de habitantes da zona, segundo confirmou esta mañá a presidenta de Estremadura.
En base a isto tomamos dúas novas medidas. Unha é a evacuación de Gargantilla e outra é o confinamento de Hervás, sinalou María Guardiola.
O outro flanco deste incendio, que xa queimou seis mil hectáreas, ameaza a localidade de Plasencia. A presidenta estremeña pediu máis axuda militar para combater o incendio de Jarilla, e os outros catro activos na comunidade.
3.500 persoas seguen evacuadas en Castela e León, onde hai 27 lumes activos
A outra comunidade especialmente afectada polos incendios forestais é, unha xornada máis, a de Castela e León, que amenceu con 27 lumes activos, dez deles en nivel dous de perigosidade. Arredor de 3.500 persoas seguen desaloxadas das súas casas nas provincias de León, Zamora, Salamanca e Palencia, afectadas todas elas por diferentes incendios forestais. Na provincia de León o lume máis preocupante é o de Anllares, que afecta varias poboacións e que podería estenderse á comunidade asturiana.
Preocupación pola entrada do lume no Parque Nacional dos Picos de Europa
Preocupa tamén en León a entrada do lume no Parque Nacional dos Picos de Europa dun incendio procedente de Asturias, e que xa obrigou a rescatar varias persoas da zona e a evacuar o concello de Caín. En Asturias, amais da situación nos Picos de Europa, hai outros cinco lumes activos.
Cento quince mil hectáreas queimadas
O ministerio de Interior confirmou esta mañá que hai vinte incendios de especial perigosidade en León, Estremadura e Galicia, con doce estradas cortadas ao tránsito en cinco comunidades, miles de persoas evacuadas e cento quince mil hectáreas queimadas.