Publicador de contidos

Publicador de contidos

O incendio dun alpendre en Cea ameaza un restaurante e unha vivenda

O incendio dun alpendre en Cea ameaza un restaurante e unha vivenda

As lapas calcinaron a maquinaria que había dentro

A dona da casa revisa o alpendre calcinado polo lume
G24.gal 03/05/2023 13:40 Última actualización 03/05/2023 13:56

O lume que se declaraba esta madrugada en San Cristovo de Cea calcinou toda a maquinaria que tiñan no anexo á vivenda, xusto debaixo da terraza dun asadeiro, que tamén quedou afectada.

Foi contra as cinco da mañá. Os donos da casa estaban durmindo e espertounos o ladrido do can. Tamén escoitaron un grande estrondo. Cando se asomaron á ventá xa viron as lapas.

"Sentimos un estrondo e xa botamos os pés fóra da cama. Ao mirar pola ventá xa vimos as lapas. Cando chegamos abaixo, saía o lume por aquí que era de medo", conta María José Álvarez, dona da vivenda.

O dono da casa aínda botou man dunha mangueira para tratar de sufocar as lapas mentres non chegaban os bombeiros.

"Chameinos sobre as cinco e dez, e ás e media xa estaban aquí. Viñeron rápido, os bombeiros, a Garda Civil, o 061... Co tembleque que tiña non daba nin falado", relata a propietaria.

Nun par de horas conseguiron extinguir o lume e evitar que se expandise á casa e ao restaurante asador que teñen no piso superior, onde había varias bombonas de butano. Agora están pendentes da peritaxe do seguro.

"Un tipo garaxe, con ferramenta, rozadoras, un compresor, vasos para a sidra... Unhas cantas cousas", asegura Antonio Vázquez, dono da vivenda.

Tamén está pendente do seguro o xerente do asadeiro. Situada ao pé do Camiño de Santiago, calcula que vai perder entre 40 e 50 comidas diarias. Á parte da limpeza, teñen que revisar a instalación eléctrica e a fontanería, así como a estabilidade da terraza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade