O lume afástase das aldeas de Quiroga despois dunha noite complicada
Os equipos de extinción lograron establecer un perímetro arredor deste incendio de grandes dimensións que non foi superado nas últimas 24 horas
O incendio que máis preocupa é o que se orixinou en Larouco e que se estendeu a un total de dez concellos de Valdeorras, e ao de Quiroga, en Lugo. En varias aldeas desa zona pasárono moi mal onte á tarde, ao reactivárense as lapas. Agora a situación está algo máis tranquila pero esta pasada noite houbo varias aldeas ameazas polo lume en Quiroga.
En Bendollo en vivíronse horas complicadas. O lume reavivouse e non foi controlado ata a madrugada. "As lapas eran enormes e achegábanse as casas", di un dos veciños de Bendollo.
En Quiroga houbo que empregarse tamén a fondo noutras aldeas de Quiroga, como Centeais. Houbo que empregarse tamén a fondo noutras aldeas de Quiroga, como Centeais. "Eu non sei que pasa, que semella tranquilo, marchamos comer, e pola tarde reavívase o lume e volta a empezar". José Luis Rivera, alcalde deste concello lugués, comenta que a pesar de que parece todo estabilizado "de pronto levántase vento e volven as lapas con forza".
O incendio, que se iniciou en Larouco e atravesou o Sil cara a Quiroga, segue tamén con varios focos activos na comarca de Valdeorras. Ramón Recamáns, director técnico de extinción da Xunta, dixo dende o posto de mando de Quiroga que nas últimas vinte e catro horas o lume non superou a liña de control que se estableceu, o que é unha moi boa noticia porque "cada vez temos menos fronte e logrouse perimetrar gran parte do incendio. Polo tanto podemos dicir que temos zonas que están estabilizadas pero iso non quere dicir que o lume estea controlado aínda".
A complicada orografía é un factor que xoga en contra dos labores de extinción. Este incendio, que ameaza a serra do Courel, reserva da biosfera, é o máis grande rexistrado en Galicia.