O Lugo suma o primeiro punto da temporada contra o Avilés (0-0)
Os de Yago Iglesias non foron quen de batir a porta asturiana malia a crearen máis ocasións
O Lugo non foi quen de marcar no Anxo Carro, pero sumou o primeiro punto da temporada, nun enfrontamento contra o Avilés, outro dos equipos que se agardan na parte alta, e que tamén precisaba un bo resultado tras a derrota na estrea.
Comezou o partido cuns minutos de tanteo nos que o Lugo inclinou algo o campo cara á área rival, pero sen crear ocasións de moito perigo. O primeiro aviso chegou aos once minutos, cun disparo de Lago Junior que marchou a córner logo de petar nun defensa. Pouco despois era Iago López o que probaba fortuna, pero o seu tiro lonxano saía preto do pau. E a piques estivo de acadar un golazo Neco Celorio, cun remate de costas nun balón dividido que tamén marchou desviado. E tamén tivo a súa ocasión Unzueta á saída dun córner, pero os lugueses non eran quen de rematar entre os tres paus. A primeira metade botaba o pano con outro lanzamento cruzado de Lago Junior.
A segunda parte comezaba cun disparo de Santamía preto do poste local. Saía algo mellor o Avilés nesta continuación e ao Lugo custáballe máis crear perigo, pero Samanes estivo a piques de marcar ao cuarto de hora. O seu remate repeleuno o pau. O gran susto para o Lugo veu nunha xogada revisada na súa área por un posible penalti que non apreciou o colexiado.
Para o treito final quedaron unha cabezada de Jon Merino que detivo Álvaro, outra ocasión moi clara para o equipo asturiano, e un último remate de Unzueta que acabou en córner. Pero o marcador non se moveu. Sporting e Avilés suman o primeiro punto, pero esa primeira vitoria terá que seguir agardando.