O Racing mantén a súa boa xeira e derrota ao Unionistas na Malata
Un gol de Roberto Arroyo mediada a primeira metade dálle os tres puntos aos departamentais
Terceira vitoria consecutiva do equipo de Javi Vázque
O Racing Club Ferrol prolongou o seu bo momento e derrotou ao Unionistas de Salamanca nun partido decidido polo gol de Roberto Arroyo. Os ferroláns suman tres xornadas consecutivas gañando e sen encaixar goles e seguirán unha xornada máis nos postos que dan acceso a xogar o play off de ascenso á segunda división.
Os departamentais saíron dominantes ao partido. E no minuto vinte adiantábanse no marcador grazas a un gran remate de Roberto Arroyo despois dunha asistencia de Dani Ojeda. Os salmantinos tiveron a ocasión de igualar o choque tras un saque de esquina pero o remate de Gorka Rivera non colleu portería. Antes do descanso Ettiene Etoo puido incrementar a renda dos verdes pero o seu remate saíu desviado.
Tras o descanso de novo Etoo estivo preto do gol atopándose cunha gran intervención do meta charro Alejandro Daza. Pouco despois sería o goleador Arroyo o que desaproveitaría unha boa contra rematando de volea por riba do traveseiro. Seguían as chegadas dos verdes e Saúl sería o seguinte en rondar o gol da tranquilidade. Cos trocos o partido perdeu algo de ritmo pero os visitantes non aproveitaron para achegarse con perigo á area do case inédito Lucas Díaz. Vitoria final dos racinguistas que co paso das xornadas seguen crecendo e amosando as súas credenciais para loitar polo ascenso de categoría.