Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Lugo remonta o derbi (2-1) contra un Rácing con 9 homes

O Lugo remonta o derbi (2-1) contra un Rácing con 9 homes

Zalaya adiantou axiña aos ferroláns cunha cabezada

As expulsións de Migue e Jairo condicionaron a segunda metade

A remontada chegou no treito final por medio de Reniero e Gayá, tamén a balón parado

Foto: @racingferrolsad
G24.gal 21/09/2025 18:05

O primeiro derbi galego da temporada quedou en Lugo, caendo para o equipo que máis o precisaba despois dun choque con polémica. As primeiras aproximacións foron do Lugo, que obrigou con senllos remates a boas paradas de Parera no arco racinguista. Sostivo ao seu equipo o porteiro, e Zalaya volteaba o encontro nunha acción marca da casa, cun remate á saída dun córner. 0-1 a prol do Rácing, que plasmaba no marcador a diferenza clasificatoria entre os dous conxuntos.

A piques estivo de dar a réplica o conxunto local, tamén á saída dun córner. Pero a acción clave desta primeira metade chegaba no treito final. Unha entrada de Migue no centro do campo motivaba a reclamación de Yago Iglesias co cartón azul. Da longa revisión saíu a decisión do árbitro de expulsar ao racinguista, co que o seu equipo quedaba con dez para toda a segunda parte. Aïnda quedou a última, no 50, para o Lugo. Samanes non chegou para empuxar o balón na mesma liña de gol.

A segunda metade comezou como a primeira, cun paradón de Parera, desta volta a remate de Unzueta. E seguiu co segundo cartón vermello a Jairo por sacar o brazo na disputa dun balón. 35 miutos por diante e o conxunto de Pablo López quedaba con 9.

O Lugo buscaba o empate, e puido chegar nun remate de Pastrana que petou no traveseiro, pero o Rácing case mata o encontro á contra, nunha acción de Pascu que repeleu o pau. O atacante estaba en posición de fóa de xogo.

Baixou o ritmo do partido, pero o Lugo acabou acadando o premio. Foi no 85, cun centro de Carbonell que cabeceou Reniero á rede. E a remontada culminouna o Ligo outra vez á saída dun córner. Desta volta foi Gayá o que empuxou á rede no minuto 93. Tivo accións o Lugo para sentenciar, e volveu aparecer Parera para manter aos seus no partido ata o minuto 105. E aí tivo a última o cadro de Pablo López. Rematou Pujol, e sacouna a córner Marc Martínez. Gañou o Lugo, sumou a primeira vitoria da temporada, e o Rácing cede os primeiros puntos nun encontro que se lle complicou en exceso coas expulsións de Migue e Jairo. Tras o partido, Pablo Löpez referiuse a elas, concretamente o segundo cartón a Jairo, nunha acción na que cre que houbo falta previa sobre o seu xogador.

Pola súa banda, Yago Iglesias foi contundente na valoración do partido: "Fomos mellores con 11, con 10 e tamén con 9. As expulsións se me pasa a min estaría fastidiado. O Rácing púxoo difícil"

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade