O Lugo empeza a reconstrución co dianteiro Willy Ledesma
O dianteiro de 34 anos chega procedente do Córdoba, co que marcou once goles a temporada pasada
Só teñen contrato tres xogadores do ano anterior, e catro do filial incorpóranse á dinámica do primeiro equipo

Willy Ledesma é a primeira pedra no proxecto do Lugo para a temporada 23-24. Trátase dun dianteiro de moita experiencia (34 anos) que estivo no Córdoba as últimas tres temporadas e media con rexistros interesantes. Na 21-22 marcou 16 goles e nesta pasada temporada a súa cifra goleadora quedou en once tantos. Ledesma é un xogador que xa acadou un ascenso á Segunda División vestindo a camisola do Estremadura.
O club aínda non confirmou a fichaxe pero si o fixo coa situación dos xogadores que estaban a temporada pasada. Teñen contrato Miguel Loureiro (con oferta do Huesca), Marc Carbó e Jaume Cuéllar. Do filial farán a pretemporada co primeiro equipo Andrés Castrín, Idrissa Thiam, Leandro Antonetti e Carlos Torrado.