Poden os locais de hostalería esixir que se consuma para usar o baño?
Os hostaleiros din que sería moi complicado verse obrigados a dar este servizo en lugares de moito tránsito ou en zonas moi turísticas
—Bos días. Podería utilizar o baño, por favor?
—Si, si.
Situacións coma esta son frecuentes nos locais de hostalería. Persoas que piden utilizar o baño sen consumir ou que o fan sen pedir permiso.
"Pois si que pasa moitas veces que nin ola nin nada e saen sen dar as grazas. Tamén é verdade que hai xente marabillosa que mesmo pide unha auga par levar para poder ir ao baño", di Antonio Lado, que atende un bar en Santiago.
A maioría deixa que se usen os baños aínda que non se consuma, a dúbida é se están obrigados ou non. Segundo a Asociación de Hostalería Compostela, está moi claro: "Non é obrigatorio. O que nos obriga a lexislación é a ter baños para os nosos clientes. Non hai ningunha norma máis alá da que indica a nosa licenza que nos obrigue a ter ou non baños á disposición do público en xeral. Polo tanto, o hostaleiro non está obrigado a ter baños para calquera persoa que pase", explica Thor Rodríguez, presidente da Asociación de Hostalería Compostela.
Os hostaleiros din que sería moi complicado verse obrigados a dar este servizo en lugares de moito tránsito ou en zonas moi turísticas. "Imaxínense un local próximo á Catedral de Santiago os custos que pode implicar de mantemento e submistracións para o hostaleiro. Sería practicamente inviable", di Rodríguez.
"En sitios onde hai unha aglomeración tremenda de xente é un pouco complicado, seguro que por iso lles din que teñen que consumir. Pero eu deixo sen problema ningún. Non llo nego a ninguén", asegura Marisol Leis, propietaria dun café.
A decisión depende dos hostaleiros, que, polo xeral, o único que piden é respecto para que os que consumen e os que non o fan utilicen os aseos.