Publicador de contidos

Publicador de contidos

O lobo ataca os cabalos do Monte Faro en Vimianzo: "Cousa como este ano non vimos nunca", din na asociación cabalar

O lobo ataca os cabalos do Monte Faro en Vimianzo: "Cousa como este ano non vimos nunca", din na asociación cabalar

Nas últimas semanas o lobo matou 13 poldros da asociación cabalar Monte Faro

G24.gal 12/05/2025 14:31

Os que manteñen gando no monte Faro, en Vimianzo, din que sempre estiveron afeitos a convivir cos ataques do lobo. Pero o deste ano, denuncia a asociación cabalar, "é o nunca visto". En cousa de mes e medio, levoulles 13 poldros. 

"Ten que haber máis dun e de dous, teñen que ser mandas grandes porque isto é un masacre", di a vicepresidenta da asociación, Ánxela Arjomil. Un masacre, explica, que de momento levou por diante máis da metade dos poldros que naceron esta primavera. Intensificaron a vixilancia, pero non dan protexido as crías. O lobo lévaas enteiras, ou déixaas feridas e logo volve rematalas. "Os que había feridos fixémoslles curas, pero volves o día seguinte e xa non están, nin atopamos restos", di un dos socios fundadores, Francisco Trillo.

Estráñalles a voracidade do lobo, e o comportamento que ten. Din que xa non escapa, que se deixa ver e incluso gravar. "Fales con quen fales que traballe no monte, sempre che di que puido gravalo, que non se movía, iso non é normal", di Ánxela. 

A asociación mantén máis de cen exemplares ceibos no monte. Contaban con sacar cousa de 50 ou 60 poldros este ano, pero esas contas xa non dan. Temen que o lobo poña en risco a supervivencia da propia asociación. "Porque estás loitando, comprando sementais para ter poldros máis fortes e de mellor calidade, e non estamos tendo resultados porque non os deixa", explica a vicepresidenta. 

E cunde o desánimo. Francisco di que xa pensa "en abandonar todo" porque marcha para casa "fastidiado". "Tes aí uns poldros marabillosos e o día seguinte non hai nada", lamenta.

A asociación organiza a rapa e a festa en xullo, a terceira fin de semana. Din que a este ritmo de baixas, este ano non chegan. 

"Nós non vivimos disto, é unha afección, para facer a rapa, que se leva facendo 27 anos -di Ánxela-. Todos os anos facemos degustación de poldro, pero este ano estamos pendentes, un pouco collidos polas mans, porque non sabemos se imos ter poldros ou non".

Piden que se habiliten comedeiros para o lobo e que se flexibilice o sistema de axudas para compensar os animais que lles leva. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade