Desfeita do lobo en Lousame: mata 17 ovellas despois de furar un peche
Atacou de madrugada nunha leira pechada da parroquia de Lesende
O dono do rabaño cifra as perdas nun 3.000 euros
É a primeira vez que o lobo ataca as ovellas de José Antonio, pero a desfeita deixouno sen alento.
"Non foi normal. Matou 16 ovellas, e outra que morreu despois. Tamén hai dúas feridas, aínda non as visitei, igual hai máis vítimas", explica o propietario, José Antonio Fernández.
O lobo entrou na madrugada do domingo, facendo un burato no arame do peche. Malia que deixou moitas vítimas, só comeu unha, algo que fai temer o seu regreso. De feito agora pecha de noite o rabaño que sobreviviu ao ataque.
"O peor non é o que pasou, é a incerteza de non saber que fago coas ovellas agora, na casa non as vou meter e o lobo vai volver seguro, vive aí".
Ademais do desgusto, calcula unhas perdas económicas de 3.000 euros, xa que moitas das ovellas eran adultas preñadas. Agora está valorando se pedir as indemnizacións correspondentes.
"Non creo que pague a pena, din que pagan uns 20 ou 30 euros por animal e con moita burocracia, e en Internet".
Os veciños desta parroquia de Lousame tamén lamentan o sucedido. O rabaño de José Antonio roza as súas leiras e mantenas protexidas do lume. Sen elas, din, a aldea estaría a silveiras.
"Aquí ninguén sementa nada xa, se non é por esas ovellas estaría todo abandonado ou teriamos que pagar a alguén que roce", di unha veciña.
Pide medidas ás administracións que fagan posible a convivencia do lobo coa actividade gandeira no medio rural. Do contrario, di, acabará por desfacerse dos únicos animais que aínda vemos nos pastos de Quintáns de Lesende.