O Liverpool pásalle por riba ao Vilarreal e pon a directa cara á final
O Liverpool pásalle por riba ao Vilarreal e pon a directa cara á final
Gañou por 2-0 (Henderson e Mané) nun partido que dominou dun xeito absoluto
O Vilarreal chegaba a Liverpool disposto a facer historia, pero atopou en fronte un equipo de nivel top dentro da Liga de Campións. Os castellonencos fixeran a fazaña de minimizar a Juventus e Bayern de Múnic e querían ir polo mesmo camiño en Anfield Road. A realidade foi ben diferente. O Liverpool dominou desde o principio ata o final, sen o virtuosismo doutros equipos, pero que como un martelo pilón que conseguiu desgastar a rocha defensiva que pretendían ser os de Emery.
No primeiro tempo o Vilarreal aguantou as acometidas. A mellor ocasión tívoa o vigués Thiago cun lanzamento que petou no ferro. Na segunda metade o Liverpool amosou todo o seu catálogo de pegada. Avisou cun gol anulado por fóra de xogo pero en tres minutos deixou a eliminatoria moi encamiñada. No 52 Henderson puxo un centro que foi desviado e acabou superando por alto a Rulli. No 55 Sadio Mané, no límite dunha posición antirregulamentaria, recibía un pase en profundidade e anotaba o segundo.
Nun abrir e pechar de ollos, case sen decatarse, o Vilarreal estaba dous goles abaixo co que iso significa nesta edición da Champions. Os números axudan a entender o partido. 19 tiros do Liverpool por 1 do Vilarreal (ningún a porta). 74 % de posesión para o equipo inglés. Multiplicou por catro o número de pases e por cinco os córners botados (10-2). Uns datos que falan da superioridade dun Liverpool que vai con paso firme pola súa sétima Liga de Campións co 2-0.