O Liceo quere derrotar o poderoso Benfica no fortín de Riazor
O conxunto coruñés recibe o Benfica mañá, no inicio da segunda volta da Champions, e o Barça o domingo en dous duelos fundamentais
O encontro poderá seguirse pola G2 e por AGalega.gal ás 20:30 horas
O adestrador, Juan Copa, e o capitán, Dava Torres, fixeron un chamamento á afección para que Riazor presente un cheo histórico.
"Gustaríame ver as bancadas cheas, porque o equipo meréceo e necesitamos que a cidade nos apoie", afirmou Copa.
O técnico lembra que o Liceo chega á cita como líder da OK Liga, con tres puntos máis que Barcelona e Igualada. O equipo aférrase á súa fortaleza na casa, onde non coñece a derrota.
O primeiro desafío será o Benfica, un equipo que xa lles gañou na ida (4-2) nun partido onde o Liceo rozou a remonta tras ir 3-0 abaixo. Para Juan Copa, as claves para gañar pasan por "coidar os detalles, gañar duelos individuais e controlar ben as bólas divididas".
O técnico confía nas armas do equipo para contrarrestar un rival de primeiro nivel mundial. Este partido é o do inicio da segunda volta. Actualmente, no grupo o Benfica é primeiro, con 15 puntos, con sete están Liceo, Sporting e Oliveirense, e quinto o Barcelos, con catro e, sexto o Bassano, con tres. Clasifícanse para a seguinte rolda os catro primeiros.
O encontro poderá seguirse pola G2 e por AGalega.gal