O Liceo perde en Barcelona diante da contundencia de João e Bargalló
O Barcelona gaña o primeiro punto da final da OK Liga (5-1) grazas ao acerto dos seus goleadores
O Barcelona levou o primeiro punto da final da OK Liga fronte ao Liceo. Gañou no Palau por 5-1 grazas ao acerto da súa parella goleadora. Pau Bargalló anotou dous goles (52 en todo o campionato) e João Rodrigues fixo tres (47 en total).
O primeiro tempo foi moi igualado, co Liceo realizando un gran partido no aspecto defensivo. Bargalló anotou pero respondeu Álex Rodríguez deseguido co empate. O bo traballo de Martí Serra na porta liceísta facíao soñar con levar o partido.
Todo mudou en oito segundos. O tempo que tardou João en marcar no segundo tempo. O inicio acabou coas esperanzas do Liceo, que aos tres minutos recibía o terceiro tanto. Mantívose o equipo galego na pelexa ata os últimos minutos, cando volveu aparecer o portugués João Rodrigues para anotar os dous últimos goles do encontro.
O sábado xogarase o segundo punto da eliminatoria, tamén en directo pola G2 e G24.