O Liceo feminino derrota o favorito e clasifícase para as semifinais da Copa
Eliminou o poderoso Vila Sana na quenda de penaltis logo de chegar ao final da prórroga con empate (4-4)
O Liceo feminino deu a gran sorpresa dos cuartos de final derrotando o Vila Sana, líder da OK Liga feminina e organizador do torneo. O partido acabou con empate a catro e decidiuse na quenda de penaltis.
Ao longo do partido o Liceo foi por diante durante moitos minutos. Aos dez segundos María Sanjurjo xa fixera o 0-1 respostado de inmediato pola arxentina Luchi Agudo. Antes do descanso Adriana Sosa volvía poñer as coruñesas por diante e Sanjurjo acertaba no segundo tempo para poñer o 1-3.
O Vila Sana reaccionou e, nun intervalo de 30 segundos, foi quen de anotar dous goles para levar o partido á prórroga. No tempo suplementario María Sanjurjo fixo o terceiro da súa conta e fixo que o Liceo acariñase o pase sen ir á quenda de penaltis, pero unha rigorosa decisión dos árbitros permitiulle a Flor Felamini empatar cun penalti.
Tivo que decidirse a eliminatoria na quenda de penaltis. Para o Liceo acertaron Sosa e Gaete. O Vila Sana só conseguiu acertar cun lanzamento grazas á gran actuación da porteira italiana do Liceo Caretta.
As liceístas xogarán a semifinal contra o Palau, que veñen de proclamarse campioas de Europa.