O 'Libro de horas de Fernando I', o volume máis antigo de Galicia, exhíbese durante un mes
O exemplar, datado no ano 1055, considérase anterior ao Códice Calixtino

O 'Libro de Horas de Fernando I' desde este venres estará na exposición "Cidades no tempo". Con case mil anos de antigüidade, está considerado o libro máis antigo de Galicia.
Trátase dunha das pezas máis valiosas do patrimonio bibliográfico galego, datado no ano 1055. Este xoves abandonou de forma temporal a Biblioteca América da Universidade de Santiago de Compostela para ser exhibido con motivo desta mostra, un proxecto expositivo arredor da cultura e identidade de cada unha das sete principais urbes galegas.
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, participaron no traslado do exemplar, dende o pazo de Fonseca ata a sede de Afundación, na compostelá rúa do Vilar
Este exemplar bibliográfico pertence á institución universitaria compostelá e levaba vinte anos sen saír da Biblioteca América, onde permanece custodiado nunha cámara de seguridade.
A peza poderá contemplarse só durante un mes na exposición organizada pola Xunta de Galicia, a través da Cidade da Cultura, e Afundación.
O 'Libro de horas de Fernando I' é con toda probabilidade, segundo os especialistas, a peza bibliográfica máis antiga que se conserva en Galicia e anterior ao Códice Calixtino.
O manuscrito foi un encargo da raíña Sancha a modo de agasallo para o seu esposo, Fernando I de Castela, no marco dunha estratexia de lexitimación dos seus dereitos, cuestionados pola aristocracia.
O volume contén textos litúrxicos, musicais e unha rica iluminación, destacando unha escena onde a raíña ordena ao escriba a entrega do libro ao seu consorte.
A última vez que se puido contemplar foi nunha exposición organizada polas bibliotecas universitarias españolas no ano 2000 no propio recinto do Pazo de Fonseca, e con anterioridade tense constancia do seu traslado nos anos oitenta a unha mostra en Nova York.
Na exposición na que se vai poder ver o Libro de horas de Fernando I amósanse a partir deste venres as xoias patrimoniais de Santiago. Por motivos de conservación, a súa estancia na exposición limitarase a un mes, período tras o que será substituído por un facsímile ata a clausura da mesma no mes de setembro.