A demanda de abonos do Leyma Coruña supera a capacidade de Riazor
Son máis de cinco milleiros os que se inscribiron para ser socios en ACB
O Coliseum vai collendo forma como o Pavillón para a vindeira temporada
 
            O Básquet Coruña marcou como un dos grandes retos duplicar a masa de abonados na súa estrea na Liga ACB. Aínda non se sabe onde xogarán os partidos porque o Pazo dos Deportes de Riazor ten que sufrir unha profunda remodelación para cumprir os requisitos impostos pola Liga e a outra opción, o Coliseum, é un recinto moito máis grande e que queda ás aforas da cidade.
O club decidiu facer unha reserva de abono para medir dun xeito moi aproximado o número de socios que poden ter nesta histórica temporada. Desa reserva influirá, posiblemente, a decisión de estar nun ou noutro pavillón. Os números están a ser espectaculares e este luns o club superou os cinco milleiros de inscricións, algo que fala da paixón coa que se está a vivir o baloncesto na Coruña.
 
         
                
                
				   
             
    
         
                 
    
         
    
         
    
         
            
                 
            
         
            
        