Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Leyma Coruña cae en Xirona (110-90) diante un Jassel Pérez desatado

O Leyma Coruña cae en Xirona (110-90) diante un Jassel Pérez desatado

O dominicano rematou o partido con 40 puntos e unha colección de xogadas para a historia

O Leyma desfondouse no último cuarto, logo de colocarse por diante pouco antes

G24.gal 18/10/2026 14:01

Un moi mal inicio do último cuarto, cun parcial de 14-0, e un Jassel Pérez imparable, con 40 puntos, acabaron en Xirona co Leyma Coruña, que apaña a súa terceira derrota en catro xornadas.

O partido foi igualado no primeiro cuarto, ata que chegou un parcial de 9-0 no treito final comandado polos 5 puntos de Jassel Pérez, que levou a vantaxe dos locais aos dez puntos (25-15). O Leyma respondeu cun 0-8, que levaba o cuarto ao 28-23 final.

No segundo parcial chegou a vantxe local ata os 13 puntos cunha tripla de N’Guessan pero, aos poucos, os coruñeses foron limando esa desvantaxe. Un parcial de 0-5 final, cunha tripla de Dimsa e dous tiros libres de Radoncic, levaban o encontro ao descanso cun 53-48.

No terceiro cuarto aguantou o Leyma o empuxe local inicial, e conseguiu colocar a igualada no marcador cunha tripla de Jorgensen (65-65). Os de Moncho Fernández non se puxeron nerviosos, e volvían abrir outra pequena fenda (74-68) que obrigou a Carles Marco a parar o partido a un minuto do remate. Dúas triplas de Jacobo Díaz e Verge volvían igualar o choque. Unha última canastra de Conditt mandaba o partido ao último cuarto cos coruñeses por diante (74-76).

Pero foi entón, no inicio do período decisivo, cando o Xirona rachou o partido cun parcial de 14-0 de saída que deixaba a misión case imposible. Non baixaron os brazos os coruñeses, pero non eran quen de facer descender a desvantaxe mentres os minutos ían esmorecendo. Moita culpa tívoa Jassel Pérez, imposible de parar cos seus 40 puntos. Ao final, 110-90 a prol dos cataláns. Uleckas, con 16 puntos, foi o mellor dos galegos neste apartado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade