O K4 500 masculino pasa directamente á final do Mundial
Del Río, Graneri, Arévalo e Germade dominaron toda a proba e acabaron a súa serie na cabeza
O C4 500 de Jácome, Fontán e Sieiro tamén conseguiu praza na final
En paracanoe Araceli Menduíña e David González tamén garanten estar na loita polas medallas
O K4 500 de Adrián del Río, Álex Graneri, Carlos Arévalo e Rodrigo Germade deu o primeiro paso en busca dun novo gran podio ao clasificarse directamente para a final dos Mundiais de piragüismo esprinte que comezaron este mércores no Idroscalo de Milán (Italia), tras impoñerse na súa serie.
O cuarteto español, ademais, marcou o mellor crono de todos os participantes con 1:21,33, aínda que tan só unha centésima mellor que a embarcación portuguesa, gañadora da terceira serie, e tan só tres mellor que o de Atletas Neutrais, polo que se aveciña unha dura loita polos metais.
Arévalo: "Tivemos boas sensacións. Queríamos ser primeiros para evitar semifinais. A mellorar detalles"
Germade: "O venres esperamos dar outro paso, conseguir a mellor versión. Temos un bo nivel. A demostralo"
Del Río, Graneri, Arévalo e Germade dominaron toda a proba e acabaron a súa serie na cabeza con 0,13 de vantaxe sobre Hungría, 1,47 sobre Polonia e 1,54 sobre Alemaña, que terán que pasar polas semifinais se queren estar na final do venres.
Non foi o único barco con galegos que se meteu na final. O C4 500 con Jácome, Fontán e Sieiro gañou a súa serie e acadou praza directa na carreira na que se loitará polas medallas. En paracanoe houbo dous padexeiros que garantiron a súa presenza: Araceli Menduíña e David González.
Había outras probas nas que non se conseguiu o triunfo para saltar a semifinal ou a vitoria non daba praza directa. Foi o caso de Pablo Crespo no C1 1000, Pablo Graña no C1 200, Roi Rodríguez no K1 1000 ou Fontán no C1 500. Todos estarán loitando por meterse na gran final nas xornadas do xoves ou do venres.