O IPC sitúase no 10,8 % e marca un novo récord dende 1984
De confirmarse este dato o próximo 12 de agosto, supoñería un aumento da inflación de seis décimas na súa taxa anual
A inflación volveu subir en xullo ata situarse no 10,8 % en taxa anual, pola alza de alimentos e bebidas e da electricidade, e marca o seu nivel máis alto desde setembro de 1984, segundo o indicador adiantado publicado este venres polo Instituto Nacional de Estatística.
De confirmarse este dato o próximo 12 de agosto, supoñería un aumento da inflación de seis décimas na súa taxa anual, xa que no mes de xuño esta variación foi do 10,2 %.
Esta evolución debeuse, ademais de ao encarecemento dos alimentos e bebidas non alcohólicas e da electricidade (que se abaratou hai un ano), ás menores rebaixas de vestido e calzado, e todo iso pese ao descenso dos prezos dos carburantes.
María Cadaval Profesora Economía Aplicada na USC explica que "eso quere decir que se o ano pasado no mes de xullo tiñamos 100 euros, hoxe con eses eses 100 euros podemos comprar o equivalente a 89,2 euros. Eso é o que significa o dato da inflación, que non para de medrar. A día de hoxe, podemos falar de que hai un contaxio do incremento dos prezos que inicialmente eran de materias primas e enerxía fundamentalmente ao resto de produtos que consumimos todos".
A economía española crece o 1,1 % no segundo trimestre
A economía española creceu o 1,1 % entre abril e xuño, impulsada polo rebote do consumo dos fogares nun contexto de inflación elevada polo impacto da guerra en Ucraína, de acordo co avance de contabilidade nacional publicado este venres polo Instituto Nacional de Estatística.
O crecemento acelerouse 0,9 puntos respecto ao primeiro trimestre do ano, no que a sexta onda de covid-19 e a invasión de Ucraína provocou unha contracción do consumo das familias que freou en seco o avance do PIB (0,2 %).
No segundo trimestre, o consumo dos fogares creceu un 3,2 %, mentres que o investimento empresarial, ata o de agora máis resistente, caeu un 2,3 % e o investimento en vivenda, edificación e construción repuntou notablemente, cun incremento do 7,8 %.