O incendio que afectou seis camións da recollida do lixo na Coruña puido ser intencionado
As imaxes das cámaras de seguridade poden ser determinantes
Arden polo menos catro camións do lixo fóra da nave de Prezero, na Coruña
Baixo un clima de aparente normalidade os camións de recollida do lixo entran e saen das instalacións, onde aínda son visibles os restos dos catro vehículos que quedaron totalmente calcinados polo incendio que se declaraba nas últimas horas. Foi un traballador da empresa quen deu a voz de alarma.
Para cando chegaron os bombeiros as lapas xa afectaban a seis vehículos. O risco era alto porque os camións funcionan con gas e as cabinas son de fibra, materiais altamente inflamables. Dúas horas foi o que tardaron en extinguir o lume.
Sobre as causas do sucedido, a investigación segue en marcha. A Policía Científica está a elaborar un informe. Unha das hipóteses coas que se traballa é a que fose intencionado. Dende o Concello téñeno claro, e por iso solicitarán á Fiscalía que o investigue.
As imaxes das cámaras de seguridade poden ser determinantes. Polo momento a empresa garda silencio. Hai menos dun mes que se desconvocou a folga do servizo de recollida do lixo que durou máis de seis semanas e que rematou con varios despedimentos disciplinarios e sancións e danos en colectores por valor de máis de 400.000 euros.