Publicador de contidos

Publicador de contidos

Hugo González comanda cun 'hat trick' a goleada do Celta Fortuna en Mérida (2-4)

Hugo González comanda cun 'hat trick' a goleada do Celta Fortuna en Mérida (2-4)

O equipo vigués dominou cunha gran pegada ata a hora de xogo, pero acabou sufrindo

O propio Hugo González resolveu no 102' desde campo propio a porta baleira

G24.gal 13/09/2025 20:42

O Celta Fortuna acadou por fin a súa primeira vitoria da temporada. Foi na terceira xornada, e no campo dun Mérida que parecía afundido co 0-3 pero chegou a meter en problemas aos vigueses no tempo engadido.

Tivo que empregarse a fondo Coke nunha mellor saída dos locais, especialmente nun disparo de Raúl que despexou de xeito maxistral. Superado este primeiro momento, o Fortuna comezou a amosar os dentes e, no minuto catorce, adiantábase no marcador. Foi nun bo centro de Ángel Arcos, e remate en volea de Hugo González desde o segundo pau.

Os mesmos protagonistas que na primeira acción, pun remate desviado pouco antes, e que puideron ampliar a renda catro minutos despois. Desta volta, respondeu Adrián Csenterics cun paradón. E outra intervención do porteiro evitou o gol de Somuah no man man, logo de que o dianteiro rematara cruzado pouco antes.

No minuto 26, Doncel volveu poñer a proba a Coke Carrillo. O Mérida gañaba posesión, pero o Celta Fortuna defendíase ben agardando a contra. E Somuah volveu ter outra inmellorable no treito final, pero rematou contra Csenterics. A última da primeira metade foi un exceso de confianza de Coke á saída dunha falta, que marchou mansamente lambendo o seu pau esquerdo.

Na segunda parte non mudou moito a decoración. Comezou con outra ocasión clara de Somuah a pase de Ángel Arcos, e seguiu co 0-2, segundo gol de Hugo González, este cun remate raso desde a frontal. Despois volvía aparecer Coke para estirarse e enviar un disparo a córner.

No minuto 63, Bernard Somuah si atinaba a marcar. Foi logo dunha asistencia de Hugo González que, desta volta, non desaproveitou. Marchou do porteiro e marcou a porta baleira o 0-3. O Fortuna tiña o choque dominado pero, nunha acción illada, o Mérida recortaba diferenzas cunha cabezada de Álvaro García. E, no 73, o colexiado indicaba penalti nunha falta lateral a prpol dos locais. Pero, despois de revisar a xogada, indicou un fóra de xogo que anulaba a acción.

Pasado este primeiro susto, non houbo que agardar moito ata que Álvaro García, dominador na área, volvía erguerse por riba da defensa para anotar o 2-3 con outra cabezada impecable. Quedaban cinco minutos e o Mérida reducía a vantaxe á mínima expresión.

Por arriba sufría o Fortuna e, no sexto minuto dos 12 engadidos, volvía apañar unha cabezada que a piques estivo de converterse no empate, desta volta obra de Rodrigo Pereira. Mesmo co porteiro Csenterics incorporado nas accións a balón parado seguiron sufrindo os galegos ata o minuto 102. Foi aí cando, logo doutro balón lateral, recuperaron o balón, que lle chegou a Hugo González. O valenciano non o pensou e, desde o campo propio, pechaba o seu hat trick e, con el, o partido. Toma aire o filial do Celta con 4 puntos en tres xornadas.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade