O Concello e a Universidade de Vigo danlles pulo ás Cíes como xeoparque da Unesco
Un convenio entre as dúas entidades, dotado con 50.000 euros, crea tres comités para traballar na candidatura
O arquipélago atesoura vestixios singulares das eras xeolóxicas que conformaron a paisaxe da costa atlántica
Galicia conta xa con dous xeoparques recoñecidos pola Unesco: o Courel e o Cabo Ortegal
Son de sobra coñecidos os moitos atractivos das Illas Cíes: a súa paisaxe, as praias e os recunchos cheos de encanto. Agora, a través dun convenio entre o Concello e a Universidade, buscan tamén ser recoñecidas cun distintivo da Unesco pola súa riqueza xeolóxica.
Trátase de poñer en valor esoutra parte menos aparente e coñecida do arquipélago, pero que ten unha grande importancia. As illas Cíes conforman un espazo único que garda vestixios singulares da evolución xeolóxica da costa atlántica ao longo de millóns de anos.
O convenio subscrito entre o Concello e a Universidade de Vigo procura afondar e documentar eses valores e ten como obxectivo a declaración como xeoparque da Unesco. Unha figura que garanta a protección do lugar así como a divulgación da singular riqueza que agocha a súa orografía.
Cada rocha, furna, areal ou lagoa das illas son unha foto fixa doutras eras xeolóxicas, testemuñas de como se formou a paisaxe ao longo de millóns de anos nesta parte do planeta.
"A xénese da cordilleira varisca, hai trescentos millóns de anos. Posteriormente, a apertura do océano Atlántico, ou a formación da cordilleira cántabro-pirenaica. Ou máis recentemente, hai 2,6 millóns de anos, os procesos de ascenso e descenso do nivel do mar, asociados aos procesos glaciares e interglaciares durante o Cuaternario. Neste arquipélago concéntranse toda unha serie de testemuñas de todos eses eventos xeolóxicos", sinala Irene Alejo profesora do departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio e investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.
Con 50.000 euros está dotado o convenio subscrito entre o Concello de Vigo e a Universidade para traballar na candidatura como xeoparque da Unesco.
Tres comités se crearon para este fin: un equipo técnico, un xeocientífico e un socioeconómico, co propósito de unificar ciencia e turismo desde a divulgación do patrimonio xeolóxico.
"Encamiñarmónos cara a un turismo sostible, ademais de desestacionalizar as visitas. E tamén a ampliar o ámbito cultural, non só enfocar o turismo pola paisaxe, senón polo coñecemento", engade Irene Alejo, membro do comité xeocientífico, un dos tres equipos de traballo constituídos para darlle pulo á candidatura das Illas Cíes como Xeoparque da Unesco.
Galicia conta xa con outros dous xeoparques da Unesco: o Cabo Ortegal e O Courel. Atascada a candidatura a Patrimonio da Humanidade, Vigo procura por esta vía que a súa xoia natural teña un recoñecemento universal.