Publicador de contidos

Publicador de contidos

O incendio na comisaría de Santiago reactívase e atrasa a volta á normalidade

O incendio na comisaría de Santiago reactívase e atrasa a volta á normalidade

Os bombeiros tiveron que traballar na zona dos vestiarios

A comisaria enmárcao dentro do "proceso normal de extinción" e recomenda ir a comisarías de localidades lindeiras a facer os trámites non urxentes

G24.gal 16/02/2026 12:13 Última actualización 16/02/2026 13:35

Unha columna de fume daba aviso este luns, pasadas as dez da mañá, de que o incendio que afectou a pasada semana á comisaría da Policía Nacional en Santiago de Compostela volvía estar activo.

Ata o lugar tiveron que desprazarse de novo efectivos dos bombeiros, que traballan na zona dos vestiarios. Unha situación que vai atrasar a volta á normalidade dos servizos de atención ao público. No lugar permanecía activo un retén para controlar precisamente que o lume puidese reproducirse.

O incendio orixinado o pasado xoves na galería de tiro da Comisaría de Santiago, volveu a reactivarse no mesmo lugar por uns rescaldos no soto do edificio, orixinando que saíse o fume por un dos laterais. Ata alí desprazáronse os Bombeiros de Santiago, efectivos da Policía Local e de Protección Civil.

Segundo explicou a comisaria de policía, Nuria Palacios, aos medios de comunicación, o ocorrido "forma parte do proceso normal de extinción dun incendio". Amplían fontes dos bombeiros que "xa están a terminar os traballos" e "en breve" volverán ao parque.

A situación está a afectar a prestación do servizo e a propia policía recomendou ás persoas que se achegaron renovar o DNI acudir a outras comisarias, como a de Carballo, Ferrol, Ribeira, Lalín ou A Coruña para realizar eses trámites. O mesmo ocorreu con algunha persoa que se achegou poñer unha denuncia.

Aínda que se están realizando documentacións de urxencia, servizos como o negociado de estranxeiros "de momento non se puideron retomar nin a mínimos", polo que se están derivando a Coruña.

"Temos un menor número de equipos informáticos dispoñibles, entón o que é o DNI e o pasaporte están a se facer documentacións de urxencia e imos tentar, se isto demora, incrementar eses equipos para dar servizo á cidadanía", detallou.

Con respecto a cando se poderá retomar a normalidade, a comisaria indicou que hai que facer unha serie de medicións para retomar as actividades de forma "segura" e que non haxa "ningún risco laboral".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade